Hemeroteca

Palabras con recendo a sal

Antonio García Teijeiro poetiza o universo mariño

  • 03 oct 2016 / 13:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A poesía infantil é un xénero canónico que vai facéndose sitio nos itinerarios lectores dos máis novos e, polo tanto, dentro da aula. O poeta e profesor Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952), sabedor da inclinación natural destes grupos de idade cara á poesía e os beneficios da súa utilización na docencia, ten feito diversos traballos onde profunda no tema. Nesta ocasión ponse nun primeiro plano a súa faceta como poeta, que destaca tanto pola calidade dos seus escritos como por ter aberto camiños para a evolución do xénero onde antes non os había. O presente ano acaba de publicar a terceira parte da triloxía que ten o universo mariño como fío condutor, Poemar o mar (Xerais, 2016), que remata con moi bo gusto o que comezara o pasado ano con En la cuna del mar (Creotz, 2015) e que continuara en Palabras do mar (Embora, 2015).

Teijeiro fala nas súas obras de sereas poetas, nenas caladas, dun neno algo raro que dialoga co mar desde o seu barco de papel, da fauna e flora mariña, do mar como soño, do mar inquedo que xoga coa lúa, que se move bulideiro, do mar que ronca e molla con poemas, do mar ferido que chora por dentro e cala por fóra... A escolla de palabras engaiolantes e moi coidadas que compoñen limericks, coplas, cantigas de berce, haikus ou versos perdidos que atopan o seu lugar dá como resultado un poemario que pide lelo en voz alta, que molla, que recende, que sona e, ante todo, que namora.

Tres artistas diferentes realizan as ilustracións que acompañan os versos de cada un dos libros. No caso de En la cuna del mar, o encargado foi Xosé Cobas (Logrosa, 1953); as ilustracións de Palabras do mar foron feitas por Xosé Tomás (Betanzos, 1971); e por último, en Poemar o mar pódese desfrutar da beleza das ilustracións de Xan López Domínguez (Lugo, 1957). Estes tres profesionais parecen ter entendido a esencia da poética do autor de xeito que palabra e imaxe casan nunha unión case perfecta, erixíndose como un todo.

Toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega. Estase, sen lugar a dúbida, ante un dos poetas de maior e recoñecido prestixio dentro da Literatura Infantil e Xuvenil galega, pola mestría dos seus versos e pola reivindicación constante da poesía como xénero literario.

Tema marcado como favorito