Hemeroteca
{notas de actualidade}

Panteón de Galicia

    • 24 feb 2011 / 23:50
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    O 25 DE MAIO DE 1891, case aos seis anos do seu pasamento, Rosalía de Castro foi exhumada da campa funeraria do cemiterio da Adina para ser trasladada á igrexa conventual de San Domingos de Bonaval en Compostela. A idea partira da Sociedade Económica de Amigos do País, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes da facultade de Dereito. Contaban co consentimento de Manuel Murguía e o apoio das colectividades galegas en América. Así naceu o que se chamou Panteón de Galegos Ilustres e no mesmo lugar foron soterrados máis tarde o líder rexionalista Alfredo Brañas (1906), o escultor Francisco Asorei (1961), o "poeta da raza" Ramón Cabanillas (1967), o cartógrafo e matemático Domingo Fontán (1968) e, por último, o polifacético Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, traído do cemiterio da Chacarita en Buenos Aires (1984). O sentimento galeguista foi considerando durante tantos anos este lugar como un espazo simbólico de Galicia que axudou a facer visible unha identidade propia.

    Mais este Panteón de Galegos Ilustres existe de feito pero non de dereito, porque nunca tivo estatuto legal. Foi permanecendo grazas á vontade de diversas institucións públicas e privadas que o coidaron, moi nomeadamente o Concello de Santiago de Compostela, a Igrexa de Santiago, a Fundación Rosalía de Castro, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao. Pero o Panteón non chegou a desenvolverse nin a cumprir o papel que lle asignaran os seus promotores.

    Con motivo do cambio de titularidade do edificio que o alberga e para lle dar a relevancia que merece este espazo e Galicia precisa, unha comisión técnica integrada por representantes do Consello da Cultura, Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Alfredo Brañas e Fundación Castelao elaboraron un borrador de proposta de Lei do Panteón de Galicia, que nace deste Panteón de Galegos Ilustres, como unha entidade de Dereito Público e un espazo físico singular e diferenciado destinado en exclusiva a honrar e perpetuar a memoria das persoas que teñen contribuído á construción, coñecemento, difusión e defensa da identidade de Galicia ou ao desenvolvemento e progreso do pobo galego, en particular, e de toda a humanidade en xeral. Quédalle agora ao noso Parlamento a última palabra.

    Escritora

    Tema marcado como favorito