Hemeroteca

“Se pedra na brétema” e “Tinta de luz” preséntanse en Compostela e Vigo

O libro de Ramón Blanco chega o venres á libraría de Chan da Pólvora con música de Pablo Sax e presenza de Adriana Sóñora nun acto que comeza ás oito do serán // Berta e Pepe Cáccamo farán este sábado unha acción na libraría viguesa Andel a partir das doce do mediodía

    • 12 ene 2018 / 12:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    “Se pedra na brétema” e “Tinta de luz” presentanse en Compostela e VigoBerta e Pepe Cáccamo farán este sábado unha acción na libraría viguesa Andel a partir das doce do mediodía Se pedra na brétema, o inquietante libro co que Ramón Blanco gañou no 2016 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, preséntase este venres, día doce, en Compostela. O libro, incluído por Chan da Pólvora Editora na Colección ELBa, está a converterse nun dos acontecementos editoriais da temporada,en parte grazas a unha xira de presentacións que se iniciou en decembro en Outes e que, nas próximas semanas, percorrerá entre outras localidades Coruña, Muxía, Vigo, Ourense, Lugo ou Noia. A presentación terá lugar ás oito da tarde na libraría Chan da Pólvora (Rúa San Pedro, 7
    4), nun acto noque está prevista a intervención do músico Pablo Sax; de Adriana Sóñora, concelleira de Cultura de Dodro (que convoca o premio Lorenzo Baleirón) e do editor Antón Lopo. Tamén está convocado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que colabora na organización do certame.

    Dentro da campaña de difusión do catálogo de Chan da Pólvora, este sábado tamén se presenta na libraría Andel de Vigo o libro Tinta de Luz, un traballo de Pepe e Berta Cáccamo que inaugurou a colección Udra de poesía para nenos e nenas.


    Ramón Blanco: “Se pedra na brétema”
    “A palabra debe aguantar o incendio”, vén dicir Ramón Blanco nun dos poemas de Se pedra na brétema, unha proposta profunda e turbadora, axitada polas sintaxes do corpo e pola escuridade simbólica da poesía. No libro, o espazo literario reúne a permanencia dogranito e a confusión da bruma, ambas cohesionadas polo imperturbable deambular do tempo como anuncio da fraxilidade existencial. Ramón Blanco non fai concesións. Prefire conducir as lectoras e os lectores polo gume afiado dos cristais rotos antes que practicar o hipnotismo escilante. Pertence a esa caste de escritores que confían na perdurabilidade da escrita pero son conscientes de que nunca conseguirán o seu obxectivo: a confusión impregna as palabras como a néboa impregna as pedras da montaña.

    Ramón Blanco (Outes, 1979) forma parte de Sacou, colectivo que xurdiu en Noia no ano 1998 na tasca que rexentara Antón Avilés de Taramancos. Os seus primeiros textos déronse a coñecer na Caramuxa, revista do colectivo que foi un referente no Barbanza. Oseu primeiro poemario titulouse Orfeu en soños (2005), un libro que percorría unha ampla herdanza literaria, desde a Grecia clásica a Derek Walcott e Manuel Antonio. Logo, sorprendeu aos lectores con Emily on the road (2012), xurdido en forma torrencial dunhaconfluencia inspiradora de Emily Dickinson e Jack Kerouac. Actualmente, dá clases de galego en Noia. Cre na violencia natural; para el, tamén a poesía é unha mostra diso. Berta e Pepe Cáccamo

    “Tinta de luz”
    Chan da Pólvora Editora abre unha nova liña de propostas con Udra, colección de poesía para nenas e nenos que bota a andar da man de Tinta de luz, obra de dous dos creadores máis recoñecidos do panorama galego, Berta Cáccamo e Pepe Cáccamo, unhapintora e un poeta que colaboran de novo para ofrecernos unha das xoias editoriais do ano. Cun coidado deseño no que participaron tanto os autores como o equipo técnico da editora, Tinta de luz é unha fantástica viaxe por puntos, liñas, triángulos, cadrados ecírculos de cores branquilongas e griscontentas, rosanchas e verdifracas. O libro preséntase o vindeiro sábado 13 de xaneiro, a partir das doce do mediodía, na Libraría Andel de Vigo, coa presenza dos dous creadores. O libro está especialmente indicadopara estimular o sentido lúdico dos xogos de palabras, introducir as nenas e os nenos na xeometría, ao tempo que lles propoñen un exercicio da fantasía mediante a liberdade da cor.

    Pepe Cáccamo (Vigo, 1950) e Berta Cáccamo (Vigo, 1963) son irmáns: el é o morgado e ela a pechacancelas da familia creada por María Luísa Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez, escritor, arqueólogo e editor ao que lle dedicaron no ano 2008 o Día das LetrasGalegas. Pepe é máis coñecido como Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos poetas fundamentais da denominada xeración dos 80. Entre os seus numerosos libros, figuran Praia das furnas (1983), Luminoso lugar de abatimento (1987), O lume branco (1991) ouVento de sal (2008). Tanén é autor dunha serie de poemas obxectuais que exhibiu en varias salas de Galicia e de abondosos poemas caligráficos ou visuais. Escribe, sobre todo, para adultos pero tamén fixo libros dirixidos ao público infantil, co humor e ainventiva lingüística como características.

    Berta Cáccamo, que acaba de recibir o Premio da Cultura Galega no apartado de plástica e exhibe actualmente na galería Trinta de Compostela as súas últimas producións, é unha das grandes creadoras plásticas da arte contemporánea en Galicia. Oque máis lle gusta é traballar con grandes masas de cor e descubrir nelas a sua linguaxe secreta. Vinculada á xeración do colectivo Atlántica, a súa pintura abstracta, de forte compoñente conceptual, é unha invitación á exploración de formas non regladas euniversos paralelos de rebelión. A súa obra forma parte das máis importantes coleccións de arte que hai en España. “Berta Cáccamo”, en palabras de David Barro, curador da retrospectiva que o pasado ano lle dedicou o Centro Galego de Cultura Contemporánea(CGAC), “é capaz de destilar influencias afastadas no tempo, sempre disposta ao debate coa súa obra, cos problemas da arte e coas súa imaxes. Exixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha ollada inquieta, emocional e afectiva. De aí que o título daexposición fale de expansión porque a súa obra é ao tempo un proxecto vital, e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscriben na memoria da pintura como material fundamental.


    Ramón Nicolás [crítico literario]
    “Tinta de luz ou a confluencia artística” “O Abéirase a editora compostelá Chan da Pólvora á divulgación da poesía galega nese segmento constituído polo lectorado máis novo e faino inaugurando unha serie baixo o título de “Udra. Poesía para nenos e nenas” que, nesta primeira entrega, acolle un proxecto artístico conxunto, visual e literario, a cargo de Pepe e Berta Cáccamo.

    Tinta de luz, tal é o título deste libro editado con primor, articula un punto de encontro máxico entre a estimulante, colorista e suxestiva lectura visual dun das nosas melloras artistas plásticas como é Berta Cáccamo xuntco coa palabra poética de Pepe Cáccamo, Nesta última asoma, como noutras entregas anteriores do autor que encaixan no xénero da poesía para un público infantil, eses trazos senlleiros que o singularizan como a procura de novas dimensións semánticas de moitas palabras e o achado de novos termos e xogos de palabras asociados, neste caso, ao mundo da cor, da luz e das formas xeométricas -o punto, a liña, o triángulo, o cadrado, o círculo- apropiándose dun inequívoco ton humorístico ás veces e con chiscadelas a outro tipo de lectorado noutras, coidando tanto o ritmo, en ocasións con resonancias de filiación popular, como a expresividade sonora da palabra, afondando nun mundo referencial próximo ao lectorado ao que vai dirixido como é o universo da natureza: o vento, o mar, as árbores, os animais domésticos…

    Define o libro, talvez, ese par de versos que din “Luz de tinta na pel / tinta de luz no papel”: un exercicio de confluencia artística entre a palabra a a imaxe que non esquece o factor lúdico, imaxinativo e escintilante que axuda a ver as cousas doutra maneira, ou talvez, como verdadeiramente son.

    Manuel do Río [poeta e crítico literario] “Ramón Blaco. O testamento de Orfeo” “Toparás á esquerda da casa de Hades unha fonte e ao seu carón, un ciprés branco. Non te aproximes á fonte! Toparás outra, procedente da Lagoa da Memoria, Burbulleando auga fría; hai gardas diante dela Di: ‘Son fillo da terra e do ceo estrelado, Mais a miña raza é celeste. Vós mesmos o sabedes. Estou reseco de sede e morrendo; concedédeme entón, prestamente,Da auga fría que flúe da Lagoa da Memoria’. E eles mesmos permitiranche beber da fonte sagrada. Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”. Estes que acabo de citar non son versos de Ramón Blanco, aínda que ben poderían selo, ou quizabes un outro prólogo, non chinés, senón grego, de Se pedra na brétema. Rescatados dunha lámina de ouro batido soterrada nunha tumba de Petelia, en Italia, forman parte dunha pequena serie de textos relixiosos e fórmulas para a salvación da alma no Outro Mundo, unha especie de mini-‘Libro dos Mortos’ heleno conectado cos cultos mistéricos de Dioniso e de Orfeo. Bo introito, xa que logo, para a escrita de Ramón Blanco, un noso ao mesmo tempo secular e divino poeta que ten empregado a figura mitolóxica do Cantor que facíachorar as alimañas e as pedras e que descendeu aos Infernos para recuperar á súa dona; Ramón Blanco descende novamente, e por terceira vez (logo do Orfeu en soños, do 2005, e de Emily on the road, de 2012) para rescatar verbas do Sheol, e moldealas na terceira parte do seu Testamento de Orfeo.

    O mito do camiño de ida e volta ao reino tenebroso é tan constante no imaxinario colectivo da especie (Izanagi e Izanami no Xapón, Gilgamesh nas historias sumerias, Quetzalcoatl nas mexicanas, Herakles, Teseo ou Virxilio no mundo greco-latino, Dante ou San Brandán no noso medioevo ou nos relatos xamánicos de tódalas épocas) que un ten a tentación de retrotraer as súas orixes á primeira aurora do pensamento relixioso dos humanos; sexa como for, é unha imaxe poderosa que inspirou a numerosos artistas (da palabra, da imaxe, da escultura, da música) ata acubillarse entre “estas paredes enredadeiras de humidade” que son a morada de Ramón Blanco. Dela sae o poeta-cazador dos peixes, racha as paredes do acuario húmido da memoria, e, lembrando a pedra e a néboa, tece con elas un novelo de versos para nos deleitar, para nos ensinar, para facernos máis reflexivos, ou quizabes máis tristes; dende logo, máis sabios.

    Unha posible lectura desta viaxe órfica estriba no rescate da memoria a través dapalabra; un rescate que se nos antolla paradoxal, pois a palabra mesma é fuxidía e fugaz, ave fénix canora que se extingue no momento de producirse; mais a escrita axuda a escaparnos do paradoxo: a tinta, ‘verme de luz’, fai que a palabra e aquiloque a palabra referencia, perdure; non calquera palabra escrita, senón a palabra poética, a palabra precisa, a complexa e fermosa tracería da linguaxe perfecta e artisticamente empregada que traduce e transmuta nun exercicio de alquimia ou nigromancia a brétema difusa do noso existir, do noso pensar, do noso ser, do noso dicir, en pedra sólida, mole imperturbábel, o sólido que non se eslúe no aire, ‘Só as palabras que aguantan o incendio non murchan’. O libro que hoxe temos entre as mans é un ben absoluto: o da vida fronte ao baleiro, a non-existencia, a nada. Arredor dos seus trazos de tinta, a páxina en branco e as marxes amagan a desaparición de todo o que somos, de todo o que fomos, de todo o que seremos. Mais antes de que chegue a noite, se é que chega, a verba vibrará: ‘Entramos na néboa e a linguaxe vaise esfiañando/ peixes prata devorando a memoria paciente/ mente unha pedra no útero da auga’.

    Outro fío, quizabes de ideas, quizabes de néboa, lévanos da parte do noso mundo onde se pon o sol á parte onde nace: tanto o prólogo coma a cita/poema final son obra de autores chineses; o prólogo é un dos poemas máis sonados de Xie Lingyun, o Duque de Kanle, contemporáneo de Prisciliano e de Teodosio e fundador da tradición da Poesía Paisaxística (literalmente, shanshui, ‘montañas e ríos’) no Imperio do Medio; un bafo de melancolía escapa das liñas e percorre o noso libro, chegando no seu cumio aos outros versos, separados por 52 páxinas e mil cincocentos anos de distancia, de Wu Shu-teh; a separación tamén é conceptual: do esteticismo melancólico, aristocrático e budista do primeiro á rotundidade didáctica, militante e moderna do segundo. Porén ámbolos dous son ‘falsos amigos’, xa que a influencia chinesa preponderante que hai detrás de Se pedra na brétema é a dos alcumados ‘poetas brumosos’, unha xeración dos oitenta influída pola poesía occidental e as técnicas imaxísticas do modernismo e que rachaba, política e poeticamente, co realismo socialista e os peáns ao Oriente Vermello e a Mao Zedong no remol da Revolución Cultural e da matanza de Tiananmen. O alcume de brumentos, como tantas etiquetas artísticas, nacía con connotacións negativas: a de seren escuros e herméticos, fronte ás claridades evidentes da escrita oficial. Mais ás veces é preciso vestirse de néboa para aprender a ver. Nas verbas de Gu Cheng, no poema “Unha xeración” (“一代人”): “A noite negra deume ollos negros e emprégoos para topar a luz”.

    A noite negra tamén deu o telón de fondo para unha outra luz, “Aquela lámpada/ a da luz azulada”, que aínda alumea cando a escriben os versos de Ramón Blanco. Ou para a que emiten os seus ollos, “pergamiños iluminados”.

    A conexión cos poetas da brétema é tamén persoal: dezaseis anos atrás asistiamos os membros do Colectivo Sacou á Celebración Mundial da Poesía – World Poetry Day no escenario de pedra e brétema de Santiago de Compostela, e entre os poetas aos que perseguimos e escoitamos –sempre esquecéndonos do seu nome– estaba Li Shizeng, alias ‘Duo Duo’, un dos sonados poetas destas ‘voces na néboa’, e que nos louva o evanescente cando di, na ‘Luz de Veermer’: “O que non se sabe, o non dito é o estremo da beleza”. Xaora, voltemos, en bustrófedon, ao rego de Ramón Blanco e os seus versos. Non só posmoderno Orfeo, ou Dionisos, o poeta de Cando engade no seu haber ao astuto Odiseo, que entre as súas viaxes percorreu Cimmeria, país de néboas perpetuas, e as portas do Averno; coma o navegante de Ítaca, o noso Ramón, nas aforas do Hades, contempla e comenta cun ollar preciso e sucinto o eterno devalar de todos, ‘baixo as uvas aínda verdes’, apoiado nunha ‘mesa de granito que semella lápida’, e pensando no vagalume atrapado na conca da súa man esquerda. O vagalume podemos ser nós, receptores deste banquete de palabras, ou a verba poética mesma, pirilampos de luz que escapan até os nosos ollos. De calquera xeito, a luz que racha a brétema e lle presta á pedra o seu esplendor debémoslla a Ramón Blanco Fernández. Que esta luz, como a das taboíñas de ouro, testamento e talismán dos órficos, nos faga de pasaporte no inevitábel percorrido da tebra cotiá e da definitiva. “Ela mesma permitirache beber da fonte sagrada./ Daí en diante gobernarás a carón dos outros heroes”.

    Tema marcado como favorito