Hemeroteca
tía manuela

O poder do capital

    • 19 mar 2019 / 21:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    RECENTEMENTE fíxose público un estudio promovido pola Universidade Complutense de Madrid, en colaboración coa Universidade de Oviedo, no que se demostra que a exposición á luz LED branca que emiten as tabletas produce danos irreversibles nas retinas dos animais de laboratorio cos que experimentaron. Que pasará coas nosas retinas e coas dos nenos e mozos que aprenden nas escolas e pasan media vida diante da pantalla? Sempre diante da pantalla, grande ou pequena, pero nos dous casos maligna.

    A coordinadora do estudo, Celia Sánchez Ramos, destacada científica no entorno da protección ocular fronte á luz intensa emitida polas pantallas de smartphones, tabletas, portátiles e monitores, advirte que o uso destes aparellos produce serios problemas nos ollos e, para alertar aos pais, mais, coidadores, coidadoras, mestres e mestras (non sei que lles parece, amigos lectores/as, esta repetición, por mor do xénero) asevera: "os nenos antes dos catro anos non deberían ver pantallas deste tipo".

    Os filtros externos ás pantallas, ao parecer, minguan o dano, pero non o eliminan. Aquí, xa di o refrán, "non hai mal que por ben non veña". Todos contentos e adiante! Cómpre seguir avanzando, iluminando, investigando e producindo para que o consumismo non se deteña, para que non se pare o negocio. Despois, cando sexa, xa se falará do mal, da contaminación, do ruído, a incomunicación, da soidade, da saudade, da depresión e da señardade. Xa se falará disto cando toque, cando o asunto o requira.

    Daquela, cando queden poucas posibilidades de arranxo, faráselle un monumento á investigadora, con cargo aos orzamentos públicos e coa axuda dalgunha multinacional, probablemente, daquela mellor situada para seguir negociando coa saúde da xente. Saúde e negocio non casan ben. É certo, pero que está pasando? Para uns ben, para outros moi ben e mal, totalmente mal, para a maioría.

    A Tía Manuela non quere unha sociedade deprimida e incapacitada para construír o futuro, pero non sae do seu asombro ao ver que son os mesmos os que pagan a investigación e os que venden os produtos alimentarios, os pesticidas, a tecnoloxía, a vestimenta, as vitaminas, o xarope e as pastillas. O poder do capital.

    Xornalista

    Tema marcado como favorito