Hemeroteca
{ notas de actualidade }

Premios Alecrín dourado

    • 15 ago 2013 / 22:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    A Federación de Entidades Galegas en Cataluña (Fegalcat) organiza cada ano un encontro en distintos lugares de Galicia. No seu transcurso fai actividades culturais e entrega os galardóns Alecrín douradoa persoas ligadas ao servizo á entidade e do mundo da cultura. Hogano, o día 13, inaugurou pola mañá a biblioteca interparroquial Barcelona, na casa reitoral de Folgoso do Caurel, cuns sete mil volumes xuntados e cedidos polos veciños de Quiroga, Ribas de Sil e O Caurel asentados en Cataluña.

    Pero o lugar elixido para a celebración foi A Seara, un dos núcleos poboacionais máis singulares de Galicia, onde reconstrúen escrupulosamente as casas apizarradas con patíns e cantos redondeados para o paso do carro, tanto os veciños que regresan ou as habitan todo o ano en escaso número como os que as mercan para residencia de lecer elixindo un descanso alternativo a outras ofertas. Alí pode tomarse o sol nunha fermosa praíña do río Selmo, que cruza a aldea pasando unha ponte romana e deixando pequenas fervenzas antes do salto espectacular que dará uns quilómetros máis abaixo. Alí pódese disfrutar de flora e fauna pouco común, da variedade dunha terra de grandes contrastes na paisaxe e ata esquecerse do mundo opresor das comunicacións, pois A Seara está unida ao resto do planeta só polo teléfono do mesón que ofrece a gastronomía da zona.

    Neste lugar idílico no verán, a Fegalcat fixo o núcleo da festa pola tarde. Tras do xantar de confraternización, os participantes dirixíronse á igrexa parroquial, recentemente reconstruída, á que peregrinou a réplica da Virxe dos Ollos Grandes -a máis coñecida Virxe do Leite-. Nun acto conducido por Manoel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona, quen está á fronte da Fegalcat, Domingo Balboa, fixo a entrega dos galardóns. En primeiro lugar, dun diploma de agradecemento e unha medalla ao anterior presidente da institución, Luís Lamas. E dos catro Alecríns 2013 á cantante María do Ceo, pola súa permanente colaboración, a Xósé Neira Vilas, polo compromiso con Galicia e a súa lingua, á Fundación Carlos Casares, pola contribución á cultura, e a esta que lles escribe, polo labor poético e o traballo a favor de Rosalía de Castro. Tras dunhas emotivas palabras de Xosé Neira Vilas, María do Ceo ofreceu un concerto que finalizou coa Negra sombra.

    Escritora

    Tema marcado como favorito