Hemeroteca

Presentouse no Casino de Santiago o "abecedario das árbores" de Marilar Aleixandre

Un poemario para desvelar o alfabeto secreto dos bosques

  • 23 jun 2006 / 01:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Foron "vinte e unha voces das máis vivas na nosa literatura" as que participaron en Poeta en Compostela, dicía onte o concelleiro santiagués de Cultura, Néstor Rego, na presentación do abecedario de árbores de Marilar Aleixandre que "de momento cerra a colección".

O Casino de Santiago foi o escenario do acto literario co que se completou a serie de "vinte títulos dos que podemos gozar agora", dixo Rego, grazas á iniciativa da Concellaría de Cultura santiaguesa e do Grupo Correo Gallego, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A representante da AELG, Antía Otero, salientou o feito de que a colección a compoñen "libros que cando os les dan ganas de abrazalos como as árbores" e apuntou que se construíu "cunha arquitectura plural, con poetas de diferentes xeracións e diferentes escritas, pero cunha lingua común".

Tras a lectura dun dos prólogos do abecedario de árbores por parte de Mónica Góñez, o escritor Carlos Negro trazou "un sendeiro no bosque das árbores de Marilar", unha ruta a través dun poemario que desvela "o alfabeto secreto das árbores", en definitiva un libro no que "Marilar deposita nos versos un feixe de palabras vizosas con sabor a galego antigo", da "semántica inesgotable da lingua galega". Un texto no que se apreza "o eco das palabras" e que constitúe "un íntimo alfabeto da existencia".

Marilar Aleixandre asegurou que "hai follas que piden ser escritas" e amosou o seu interese por recuperar e conservar as antigas palabras a través destas follas "aínda que sexa só unha unica palabra a rescatada do esquecemento".

A autora explicou que algúns dos poemas que aparecen no volume viron a luz por primeira vez "en follas voandeiras" e outros "en follas de blogs", e preguntouse "se os poemas son trazados en material tan precario, ¿que poden facer contra o cemento e o tixolo?, ¿que pode facer un poema contra a cobiza? ¿que nos queda senón apelar á literatura?".

A lectura de varios dos poemas por parte de Marilar Aleixandre e Mónica Góñez serviu para poñerlle o broche de ouro ó acto literario.

A CIFRA

Vinte meses

A colección Poeta en Compostela iniciouse en outubro de 2004 cos Poemas a Compostela de Manuel María e desde aquela foron vinte os volumes que chegaron cada mes a milleiros de fogares .

Tema marcado como favorito