Hemeroteca
{ enlazarte }

Privilexiados

    • 12 jun 2016 / 21:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    HAI cousa dun ano asistía en Harvard a unha clase maxistral da activista americana Peggy McIntosh. Ela é toda unha institución nos estudos sobre a desigualdade de oportunidades entre as diferentes realidades dos EUA. McIntosh fundou no ano 1987 o SEED Project, un proxecto que pretende fomentar a equidade e a diversidade na educación, e como muller sigo a súa pista dende que hai algúns anos lin por primeira vez un dos seus artigos máis polémicos White Privilege and Male Privilege (Privilexio Branco e Privilexio Masculino) tamén chamado Unpacking the invisible knapsack. Aquel artigo, revisitado varias veces pola propia investigadora, abriume os ollos a como vemos a nosa realidade sempre a través das cousas que temos por seguras, e como poñerse no lugar do outro require un esforzo moito máis grande do que nos pensamos, especialmente require privarse un deses “privilexios” que non creemos que o son.
    Por poñer un exemplo básico sen romper a maxia daqueles que queiran ler o seu traballo: nos en Galicia non nos preocupamos tanto por pechar a billa cando lavamos os dentes coma o fan en Andalucía, e se tivésemos que facelo teriamos que entrar nunha fase de reeducación dos nosos costumes…
    Agora intentemos trasladar esta realidade xeográfica ao noso día a día… Esta pasada semana tiven a honra de traer a Galicia un proxecto que non só celebraba a grandiosidade do noso instrumento matrio tentando romper unha barreira cultural sobre qué pertence a qué, se non que tamén celebraba, pola vía do compositor Octavio Vazquez, a muller galega, as MULLERES fortes que Rosalía definía como as “viúvas de vivos e mortos”. A emoción da semana, o cariño do público e dos medios tanto de Compostela como Vigo, o bo facer do mestre Paul Daniel e a calidade da Real Filharmonía de Galicia, recordáronme o privilexiada que son por simplemente ter nacido en 1980 en vez de en 1944, como a miña nai. Ela, que compartiu comigo todas estas emocións da pasada semana, non tivo a sorte de poder adicarse ao que ela quixese, non emigrou por paixón senón por necesidade, e educou ás súas catro fillas coa teima de que se estudabamos moito, se eramos disciplinadas cos nosos proxectos, seriamos capaces de chegar a onde nos propuxésemos (dubido moito que ela fora criada así no medio do concello da Bola nos anos 40). A miña nai, a viúva Maruxa, fixo todo o posible para que nos, a súas catro fillas, non tiveramos que pasar o que ela pasou. Como tantas outras e outros da súa xeración que viviron esa falta de privilexios que tan ben define Peggy McIntosh e que, desgraciadamente, se pode atopar en todos os mundos nos que nos movemos.
    Esa xeración, a da fame, a de despois da guerra, a da emigración forzada, construíu unha realidade que nos tomamos por segura, que ás veces non valoramos, e que agora está nas nosas mans seguir loitando por ela. Non olvidemos que, a pesar de todo o que esta a acontecer na nosa sociedade, está nas nosas mans seguir loitando pola liberdade, a igualdade, e en especial polo benestar e por unha vida rica, chea deses valores que sosteñen a nosa terra. Está nas nosas mans.
    Gaiteira e pianista

    Tema marcado como favorito