Hemeroteca

O público 'flipa' cos Porsche, Lamborghini e outros cochazos da mostra de Amio

  • 18 feb 2012 / 16:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este sábado houbo un gran ambiente no recinto de Amio, en Santiago, onde está instalada a segunda edición de Retro Galicia. A do pasado ano xa fora moi celebrada, pero esta é aínda máis sorprendente. Hai máis coches, máis motos, e sobre todo máis cochazos, “que non é o mesmo que coches”, a dicir dalgún. Na edición do 2011 había un Porsche 911 Carrera GT3 RS, pero nesta edición os espectadores 'flipan' cos modelos que se presentan. Os organizadores centráronse sobre todo nos Porsches e alí está todo o arsenal da marca alemana: Cayenne, Panamera, 911, Carrera 4, Carrera 4S, GT2 RS, e un que deixou coa boca aberta a case todo o persoal: o Porsche GT, un 'bicho' de 612 cabalos e que alcanza os 330 Km/h. Pero tamén están os clásicos, como non, máis significativos de toda a súa historia. E todos eles, novos e vellos con esa linea curva e deportiva tan característica dos Porsche que engaiola a todos os fanáticos e aos afeccionados ao motor.

 

Obviamente, non só hai Porsche na mostra, tamén se expoñen en Amio unha gran variedade de coches clásicos de moitas marcas europeas: Mercedes, Jaguar, Renault, Seat, Lancia, Citroën, e en especial un modelo que brilla pola súa espectacularidade e mesmo porque foi xoguete predilecto de moitos nenos, e iso mesmo imprime sentimento: un Lamborghini Diablo, amarelo, de 1997. “Menudo cochazo, eso non pode ser legal, é máis ancho que a estrada”, comentaba algún espectador fascinado, “e non é o mesmo velo en fotos que diante de ti, quédaste tonto", engadía antes de disparar unha e outra vez a súa cámara dixital. Por certo, pouco rodado o Lamborghini, que apuntaba só 19.800 quilómetros no marcador. O seu prezo de venda estaba fixado en 95.000 euros.

 

Non faltan os coches americanos de mediados do século pasado, en perfecto estado; barcazas, máis ben pola súa descomunal embergadura. Elegantes, cómodos, amplos e adornados cos característicos e brillantes niquelados. No que atinxe aos modelos de época, hai abondos vistosísimos, e un especialmente fermoso, un Jaguar MK4 do ano 1938, cun motor de 3.500 de gasolina e 145 CV. Simplemente deslumbrante.

 

Os espectadores comentan que este ano notouse un aumento de calidade e cantidade dos coches e das motos (Ossa, Montesa, Bultaco...) na exposición que, ademais, dá propina: varios camións de mediados de século XX moi bonitos e un coche de carreiras que adorna o vestíbulo do recinto e anuncia os bos momentos que o espectador vai pasar no interior.

Tema marcado como favorito