Hemeroteca

Rafa Lobelle leva ata Santiago a maxia das letras de ‘Cotodamina’

No acto na libraría do Chan da Pólvora tamén estiveron Antón Lopo e Rosalía Fernández

  • 04 oct 2019 / 21:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O creador chantadino Rafa Lobelle presentou onte en Santiago o libro Cotodamina, nunha cita cultural na libraría Chan da Pólvora onde tamén estivo o xornalista, escritor e editor Antón Lopo e a poeta Rosalía Fernández Rial.

“A voz de Lobelle emerxe coa explosión dun medo atávico en Cotodamina, título que se converteu na grande revelación da poesía neste ano”, segundo sinala a editorial na súa nota de prensa.

“A lectura de Cotodamina non só arreguiza o corpo senón que tamén golpea o corazón cun latexo novo, imprevisto e revelador”.

A publicación de Cotodamina supuxo, “sen dúbida, o lanzamento da voz poderosa e profunda de Lobelle, un poeta que nos últimos anos foi construíndo unha obra tan persoal como comprometida que agora eclosiona neste libro, publicado por Chan da Pólvora”.

Esta obra da editora da capital galega se lanzou na Feira do Libro de Monforte de Lemos e agora voa tamén desde Compostela.

Estes poemas “posúen unha consistencia que non remite aos recursos literarios senón ao fenómeno extraordinario da descuberta. A esta capacidade únese en Cotodamina unha habilidade inusual para crear atmosferas tan densas que ás veces semella percorrermos un tempo solidificado, como os recordos disecados dunha memoria colectiva”, di a editorial.

“É un libro turbador, necesario, forte e fraxil, tecido cos fíos dun alto contido emocional para poder así expoñer desde a distancia cirúrxica a fatalidade. A pesar da súa xuventude, Lobelle viviu en carne propia a desaparición do mundo que o configurara como persoa: a paisaxe da súa infancia quedou sepultada pola maleza, asfixiante. Está escrito, contra esa asfixia”, salientan.

Tema marcado como favorito