Hemeroteca
a lingua

A Real Academia Galega decide o protagonista do Día das Letras Galegas 2008

Por primeira vez desde hai anos, os concellos ou as asociacións non presentaron ningún aspirante á Real Academia Galega ·· No plenario do próximo 30 de maio, será elixido o escritor que se vai homenaxear

  • 16 jun 2007 / 01:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Real Academia Galega (RAG) celebrará previsiblemente o día trinta de xuño a reunión da que sairá o nome do Día das Letras do 2008. Como indican os seus estatutos, a elección debe realizarse no primeiro plenario posterior ao 17 de maio, que habitualmente se convoca a finais de xuño ou primeiros de xullo. Este ano, se ben aínda non se fixou definitivamente, todo parece indicar que os académicos acudirán á rúa Tabernas, onde se atopa a sede da RAG, o último sábado deste mes.

A diferenza de convocatorias anteriores, a Real Academia chega ao plenario sen presións de nomes concretos, xa que desta volta non houbo propostas por parte dos concellos nin das asociacións culturais, como aconteceu cando máis de 1.500 sinaturas solicitaron o nomeamento do Cura de Friume. O ano pasado, en concreto, unha asociación cultural de Teo foi a encargada de facer campaña a prol de María Mariño.

A elección realízase tras unha solicitude presentada por tres académicos. As propostas poden ser infinitas pero o habitual é que só sexan efectivas dúas ou tres. Posteriormente, sométese a votación dos asistentes. O único claro nas quinielas deste ano é que non sairá elixida unha muller. Non existe unha candidata que reúna as condicións previstas polos estatutos, que tras a reforma de 2000 llo poñerían incluso difícil a Manuel Murguía, como recoñeceron algúns académicos en alusión á escasa produción en lingua galega que deixou o historiador.

Sen suxerencias dos concellos ou das asociacións e con débedas que, máis tarde ou máis cedo deberán cumprir -nomeadamente o caso de Ricardo Carvalho Calero, albacea da ortografía reintegracionista-, os académicos rexeitan dar favoritos. Porén, hai algúns nomes con grandes posibilidades de ser elixidos, en especial Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, editor e investigador que padeceu a represión franquista e mantivo acesa a labarada da cultura galega durante as décadas escuras. Na quiniela, outro escritor que os anos engrandeceron até convertelo no pai das novas xeración poéticas: Lois Pereiro, morto prematuramente en 1996 e autor dunha das obras máis apaixonadas e ignoradas do século pasado.

OS CANDIDATOS

Lois Pereiro ou Álvarez Blázquez

Cando o eco do pasado 17 de maio reberbera aínda, os académicos buscan xa o escritor para o 2008. Farano, ademais, nun ano no que a polémica sobre a renovación da celebración foi máis candente que nunca, con abondosas manifestacións que reclamaron cambios na exitosa iniciativa, promovida por Francisco Fernández del Riego en 1963.

É nesa dinámica na que Lois Pereiro pode encontrar o seu espazo. Proclamado o ano pasado polos internautas como o seu predilecto, a súa biografía cargada de malditismo, a súa militancia na contracultura ou a súa escasa cabida nas estreitas marxes do canon poético galego serían algunhas das pexas para un escritor que tampouco goza de excesiva publicidade entre os académicos.

Mellor encaixa no prototipo Xosé María Álvarez Blázquez, eterno aspirante e até agora esquecido. Obra non lle falta a Blázquez, nin biografía, nin heroismo. A súa elección sería tamén indiscutible .

Tema marcado como favorito