Reclaman máis partidas para a atención á dependencia
Santiago. A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín anunciou unha moción para apoiar as reivindicacións do movemento feminista galego relativas a incrementar o valor social e económico do traballo do fogar e dos coidados.
Reclama un plan de actividades extraescolares e de conciliación para todo o ano, asumido polo propio Concello de Santiago, posto que os 180.000 euros resultan insuficientes para descentralizar e atender a demanda existente.
A moción do BNG demanda da Xunta a asunción dos programas relativos á dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade e, transitoriamente, demandar da Xunta e do Goberno español o incremento orzamentario que garanta a continuidade dos servizos e se melloren as condicións laborais e salariais.
Noutro punto reclama un Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados para valorizar e divulgar entre a poboación galega a súa relevancia económica e social e as consecuencias que supón o desequilibrio que persiste na actualidade así como as vantaxes sociais dun reparto equitativo dos tempos entre homes e mulleres.