Hemeroteca

Rianxo eleva a aposta polo mar no seu verán máis gastronómico

Recupérase a exaltación da prezada xouba que lle dá fama á vila cunha nova cita // Mariñeiros locais chegarán nunha xeiteira para desfilar co produto fresco ata a carpa // En agosto celebraranse as festas do mexillón e da solla

  • 21 jul 2019 / 22:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Rianxo decidiu redobrar a aposta polo sector do mar no que vai ser o seu verán máis gastronómico, con tres importantes citas para exaltar os produtos estrela desta localidade barbanzá: as xoubas, os berberechos, os mexillóns e as sollas.

Despois de ter que suspender o ano pasado, por primeira vez, a emblemática Festa da Xouba por falta de materia prima debido ás restricións das cuotas de capturas, este mes celebrarase a nova Festa Gastronómica dos Produtos do Mar de Rianxo, os vindeiros días 27 e 28, na carpa que se instalará cerca da zona portuaria.

E, aínda que dito peixe será o protagonista (degustarase fritido e en empanada) tamén haberá mexillóns e berberechos (200 quilos de cada especie).

O alcalde, Adolfo Muíños, dixo que esta celebración é "de transición", pois a intención é retomar a tradicional exaltación que organizaba a patronal (que ten os dereitos da marca da mesma).

Así, o sábado 27, o cociñeiro David Alcalde preparará diversas receitas nun showcooking, de seis a oito da tarde, no que os asistentes poderán probar os pratos gratis. A animación musical correrá a cargo da formación Río de Anxo.

O domingo 28, mariñeiros locais chegarán ó peirao a bordo dunha xeiteira da que descargarán as caixas cos trescentos quilos de xoubas frescas coas que desfilarán nun animado pasarrúas ata o recinto festivo.


FESTIVAL ANTROSPINOS. Paralelamente, xa no eido musical, a localidade rianxeira de Taragoña acollerá tamén a vindeira fin de semana (o venres 26 e o sábado 27) a duodécima edición do festival Antrospinos, en Campo M­aneiro. Nesta ocasión ofrecerán concertos os grupos Terbutalina, Nao, Funky Sttyle Brass, Machete en Boca, Balkan Bomba, Orquestra Neverloura, The Lelli Kely's, De la Cruz Show, Pachanguito, Sin Cereza e Bigote Mix.

A seguinte fin de semana (a primeira de agosto) terá lugar a décima edición da Festa do Mexillón. O sábado 3 arrancará o programa ás sete e media da tarde cun pasarrúas a cargo dunha charanga e logo iniciarase a degustación en base a sete receitas diferentes. Actuará o grupo musical Os Sobraos de Bergondo. E o domingo 4, haberá animación musical nas rúas da localidade xa pola mañá, estando previsto o xantar mariñeiro para as once e media.

Para continuar coa promoción, o sábado día 10 celebrarase na parroquia de Leiro a quinta Festa da Solla, na Praza da Veliña. Dende as dúas e media da tarde serviranse racións a oito euros e cociñarase cocida e fritida.

E, en Araño, os festexos na honra da Virxe do Carme, do Santísimo Sacramento e da Virxe dos Milagros celebraranse os días 2, 3 e 4 de agosto. En definitiva: unha axenda do máis apretada para as vindeiras semanas.

{ A LETRA PEQUENA }

Localismos con sentido

GALICIA SEGUE TENDENDO en certos aspectos ós localismos. Moitos concellos queren ter a súa propia festa do mexillón, aínda que haxa outra no municipio do lado. Por que non? Con todo, hai produtos que van no ADN dunha localidade e que son algo así como a súa marca. Porque a xouba de Rianxo non ten competencia. Como non a teñen tampouco os pementos de Padrón, as patacas de Coristanco ou os melindres de Melide. Na gastronomía galega, polo tanto, os localismos teñen razón de ser. Coa suma de todas as nosas festas constrúese a Galicia de todos: a dos homes e mulleres que lle dan prestixio día a día co seu traballo.

O PROTAGONISTA

Adolfo Muíños

Alcalde de Rianxo

"haberá tamén unha mostra de artesanía"

O rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, destaca que o programa da Festa Gastronómica dos Produtos do Mar inclúe tamén unha variada oferta lúdica. "Haberá unha exposición de artesanía, rutas de tapas pola hostalería, visitas guiadas ó Museo do Mar e concertos como o que ofrecerá Luar na Lubre o sábado 27 ás once da noite na Praza de Castelao". Ademais, esta cita coincidirá coa celebración da Feira do Libro. Asimesmo, o domingo 28, terán lugar o espectáculo musical de Xurxo Xouto, Cantos de traballo das mulleres do mar, a partir da unha da tarde na citada praza, e a actuación infantil de Xoán Curiel, na de Rafael Dieste, ás sete.

Tema marcado como favorito