Hemeroteca

Sanmartín presentou a súa factoría cultural "Narf" de lecer alternativo

O proxecto inclúe 10 locais de ensaio, estudo de gravación e espazo coworking

  • 23 abr 2019 / 23:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Bloque Nacionalista Galego presentou, a través da candidata Goretti Sanmartín, unha das medidas estrela do seu programa como é a creación dunha factoría cultural, "un equipamento relacionado coa creación cultural, pois hai moito traballado sobre a programación e difusión da actividade cultural mais é necesaria a aposta pola creación artística, para asentar as bases para o futuro", afirmou.

Esta iniciativa permitirá situar Santiago na perspectiva doutras cidades europeas como Dublín, Edimburgo, Braga ou Porto, "na liña de darlle ao tecido cultural a unión dun centro social e esa factoría de creación musical". Para iso, propón instalar esta infraestrutura nunha parcela municipal ao lado do Cersia, de 3.285 m2 en San Lázaro, ben comunicada, con uso dotacional e que ten como función ser un xerador de creación musical e un espazo de lecer nocturno. "Entendemos que hai unha demanda de lecer alternativo na mocidade, fronte a oferta de centros comerciais e bares, ligada á creación cultural e o Concello debe atendela", engadiu.

Ademais dos locais de ensaio, debe ter formación para músicos, coaching, apoio e seguimento, conexións con programacións que dependan do Concello e un banco de instrumentos, para xerar comunidade arredor de axentes musicais da cidade "onde se poidan xuntar grupos noveis que buscan un espazo con grupos locomotora xa consolidados que sirvan de atracción para a xente nova".

O BNG quere, deste xeito, favorecer que dese traballo de base poidan xurdir grupos profesionais que trasladen a imaxe da cidade cara fóra, incentivar a participación de mulleres para avanzar na igualdade de oportunidades no ámbito artístico e superar a fenda de xénero, ademais de facilitar conexións entre axentes da cidade.

Tema marcado como favorito