Hemeroteca
{ palabras e parole }

Selección de entradas

    • 02 sep 2017 / 19:17
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    ESTAMOS a nos referir, coma sempre, a un dicionario bilingüe, concretamente ao dicionario italiano-galego e galego-italiano. Non esquecendo que un dicionario italiano galego debe cinguirse ao falante italiano e que, pola contra, un dicionario galego italiano debe centrarse no ámbito do falante galego porque ao noso entender, pretender presentar información do mesmo xeito para os falantes de ambas as dúas linguas é unha tarefa pouco menos que inviable, despois de pensar nos usuarios aos que vai dirixido o dicionario, o redactor ten que decidir o número de palabras que vai conter e que, como se pode deducir facilmente, é tamén moi importante.
    No noso caso estamos a falar dun dicionario bilingüe para un coñecemento medio da lingua, estudantes e estudosos que coñecen a lingua que falan pero moi pouco ou case nada a outra que queren aprender. Non podemos deixar de subliñar que moitas veces a selección non depende do redactor senón do espazo (número de páxinas) que lle indica o editor. Deixamos aparte os dicionarios on-line que hoxe en día solucionan moitos problemas e non están sometidos á tiranía do espazo.
    Naturalmente, unha vez que se saiba o número de palabras que vai ter o dicionario, temos que pensar na selección das mesmas que non é en absoluto unha tarefa doada, e coa que nos temos que enfrontar inmediatamente porque unha vez sabido o número, a selección de palabras é unha das primeiras cousas que temos que decidir antes de pasar á redacción. Tendo un espazo reducido, incluso tendo bastantes posibilidades, non queda máis remedio que acudir ás máis usadas, ás verbas máis comúns, deixando algunhas palabras técnicas ou específicas dun determinado campo (esa foi a razón dos nosos vocabularios específicos que completarán o dicionario), e se non todas, polo menos que o usuario poida atopar as que usa máis a diario.
    Polo que se refire á lingua que imos utilizar que sen dúbida será a lingua actual, e dado que non se trata dun dicionario monolingüe, consideramos innecesario manter a circularidade do léxico empregado nos exemplos; poderase incluír termos (non moitos, a dicir verdade) que logo non figurarán na selección de entradas, porque é un xeito de presentar a lingua sen constrinxila a uns parámetros demasiado artificiais e moi ríxidos.
    Despois de ter resoltas as cuestións referidas, vén o problema das variantes dun mesmo termo: “carabullo” ou “garabullo”? “folerpa” ou “folepa”?, “fenda” ou “greta”? É mellor decidirse pola palabra máis coñecida e usual e, en todo caso, remitir sempre á outra ou outras. Poñamos un exemplo: “cuspe” V. “saliva”. Cando teñamos redactada a palabra “saliva”, farase referencia a “cuspe”ou “chuspe”.
    E que se fai coas palabras tabú? No noso caso optamos por incluír verbas como “foder” ou “fochicar” porque en italiano hai unha palabra do mesmo nivel: “scopiare” e “trombare” ou “mear”, en italiano “piscicare”, “cagar”, en italiano “cacare”, indicando tamén que en italiano ten un sentido figurado, que correspondería ao galego “non facer nin puto caso”: “quando sono arrivata non mi ha cacato nemmeno” ou “peido”, en italiano “scoreggia”.
    Catedrática Filoloxía Italiana USC

    Tema marcado como favorito