Hemeroteca
{ MIRANDO POLA VENTÁ }

Semana Santa tamén na lingua

    • 12 abr 2020 / 19:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    CONFINADOS na casa van pasando os días e, ao abrir os ollos pola mañá, debemos concienciarnos de que xa falta menos para saír desta difícil situación e lembrar que “nunca choveu que non escampase”.

    Nestas, caín na conta de que estabamos na Semana Santa e de que son numerosas as frases feitas que perviven na nosa lingua con orixe na morte e resurrección de Xesús. Trátase de expresións chegadas desde o latín que mantemos e que utilizamos todos aínda que, ás veces, descoñecemos cal é a súa orixe, sobre todo a xente máis nova.

    Seguro que escoitamos en máis dunha ocasión iso de “es máis falso ca Xudas”, lembrando a traizón do apóstolo, que revelou onde se encontraba Xesús a cambio de trinta moedas de prata. Esta expresión convive con outras moitas empregadas polos galegos como “ser falso coma unha mula”, “ser falso coma unha besta”, “ser falso coma o vento” ou “ser falso coma as pesetas”. E quen non dixo nunca iso de “chorar como unha Madalena?”.

    Neste caso tamén contamos con opcións máis populares como son “chorar os sete chorares”, “chorar ás cuncas”, “chorar a lágrima viva” ou “chorar como unha fonte”. Curiosamente, “pasar un calvario”, que fai referencia ao sufrimento de Xesús ata a súa morte no monte Calvario, ten outras sinónimas tamén con referencias relixiosas como “pasar as de Caín” que se refire ao castigo que recibiu Caín tras matar a Abel, pois condenárono a vagar polo mundo adiante cunha marca na fronte sen poder falar con ninguén ou “pasar un viacrucis” que fai referencia á oración que representa as catorce paradas ou estacións de Xesús no seu camiño ata o Calvario.

    E podemos continuar con “poñer o dedo na ferida ou na chaga”, cando queremos dicir que se trata ou se fala dun tema que é doloroso para o interlocutor, que lembra o episodio en que San Tomé non crendo que Xesús resucitara dixo: “Se non vexo nas súas mans as chagas dos cravos e non poño o dedo na chaga dos cravos, e a miña man no seu costado, non o creo”.

    Por último, as que xiran ao redor da pascua. Entre elas encóntranse “estar alegres ou contentos coma unhas pascuas”, “vérmonos de pascuas en flores ou de pascuas en ramos” ou dicir que a alguén lle “saíu a pascua en venres ou en sexta feira”, que equivale a “saír as contas furadas, a porca capada, a galiña choca, estalarlle a castaña na boca, volverse o feitizo contra o feiticeiro...

    Tema marcado como favorito