Hemeroteca

A singularidade da poesía de Emma Pedreira válelle o premio Novacaixagalicia

González Tosar destaca o valor poético de 'Antítese da ruína', unha obra de sorprendentes imaxes e un grande espazo vital

  • 17 dic 2010 / 23:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Antítese da ruina é unha obra cun gran valor poético, que reflicte sorprendentes imaxes e un singular espazo vital, afirmaba onte Luís González Tosar sobre o IX Premio de Poesía Novacaixagalicia, que lle foi outorgado á autora deste libro, Emma Pedreira.

Segundo indicou González Tosar, Antítese da ruína "é un poemario singular que pertence a unha poeta cunha traxectoria notable que consolida con este premio a intensidade da súa voz". Ademais, aproveitou o acto para agradecerlle a Novacaixagalicia a "súa constante atención a un xénero tan desasistido como é a poesía" e subliñar "a alta calidade dos orixinais presentados, que indica o momento de gran vitalidade da poesía galega actual".

A resolución do certame dérono a coñecer no Centro Social da caixa de aforros en Vigo a directora de acción cultural da Obra Social de Novacaixagalicia, María Pereira Otero, e o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar, que exerceu tamén como presidente do xurado.

O tribunal encargado de ditaminar a obra gañadora entre os 49 orixinais presentados estivo integrado tamén por Jonathan Dunne, Modesto Hermida, Xavier Rodríguez Baixeras, Rexina Vega e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto.

A obra gañadora, que foi elixida por unanimidade, foi presentada baixo o lema Yorik e ademais de estar premiada con 12.000 euros publicarase na colección Arte de Trobar.

Os gañadores deste certame literario, que iniciou a súa andaina en 2001, foron Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Román Raña, Carlos Penela, Luís Valle Regueiro e Xavier R. Baixeras.

O acto finalizou cunha lembranza por parte de Luís González Tosar á figura de don Francisco Fernández del Riego, recen- temente falecido, xa que fora un dos principais impulsores da iniciativa.

 

Tema marcado como favorito