Hemeroteca
TRIBUNA LIBRE

'Sulagar o soño'

    • 30 jun 2019 / 00:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    quixera dar noticia da edición bilingüe reversible, en galego e castelán, dun poemario que vén de sacar dos prelos Montserrat Villar González, outra desas ou deses poetas galegos transterrados. Nada en Cortegada de Baños (Ourense), mais residente en Salamanca como profesora, poeta e tradutora, e con varios poemarios publicados, a meirande parte deles en castelán, con algún deles traducido ao galego e ao portugués. A autora, una daqueles que escriben pensando que a lingua, todas as linguas, sempre suman. Endalí que Montserrat Villar recoñeza que ten a fortuna de ter dúas linguas maternas, porque cada lingua é una patria, unha forma de percibir o mundo.

    En Sulagar o soño, precedido dun extraordinario limiar de Juan Carlos Mestre, o lector atopa boa e abundante poesía. Unha poesía na que a lembranza dun dos seus poetas de referencia, Celso Emilio Ferreiro ("...falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos") abeira á poeta de forma definitiva á terra galega que a viu nacer, e á lingua que mamou de cativa. Por iso, este libro que é moitas cousas, é principalmente un regreso ao fogar materno, a terra materna que define moitos dos trazos da personalidade e da escrita da poeta. Mais á vez sen renunciar a ollar o mundo, compartilo no teatro darwinista, verdadeira selva de competición. A autora estrutura o libro en tres partes: Son, que acolle os poemas que amosan que Montserrat Villar nunca foi unha escritora extramuros de Galicia, malia estar en tránsito por circunstancias da vida. "Eu son de aquí / desta pedra, desta néboa, / deste cume que emerxe...", proclama o primeiro poema do libro. En U-los homes, a segunda parte do libro, a escritora comparte afectos cos outros, cos amigos que tanto lle ensinan. Os case que vinte poemas da terceira parte son un achegamento, esta vez con palabras, a todos os que sofren neste noso mundo de arestora.

    Poesía solidaria e reivindicativa. Un testemuño sen eufemismos da visión dolorosa da realidade. En resumo, unha boa colleita de versos, estrofas e poemas que lles dan forma e fan medrar o personalísimo magma literario de Montserrat Villar.

    CRÍTICO LITERARIO

    Tema marcado como favorito