Hemeroteca

A supresión da escravitude en España e as súas colonias

Paso a paso, na segunda metade dos anos 1800, as autoridades do noso país foron avanzando na eliminación do traballo forzado, seguindo as reivindicacións de intelectuais e políticos de toda condición. A Restauración foi a época na que se materializou a nova orde

  • 10 oct 2006 / 17:13
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O 7 de outubro de 1886, sendo presidente do goberno de España o político liberal Práxedes Mateo Sagasta, suprimíase, por medio dun decreto do ministro de Ultramar Germán Gamazo, a institución do Padroado, unha institución establecida pola Lei de abolición da escravitude en Cuba, do 13 de febreiro de 1880, como un sistema de transición anterior á abolición definitiva da escravitude, que había de chegar pasados uns anos sempre que se cumprisen certas condicións.

Así pois, malia que a escravitude se abolira na España metropolitana en 1837 e en Porto Rico en 1873, malia que dende 1865 existía unha Sociedade Abolicionista Española, que contaba co apoio de importantes políticos e intelectuais españois como Concepción Arenal, Segismundo Moret, Manuel Becerra, José María Orense, Estanislao Figueras, Francisco Pi i Margall, Nicolás Salmerón e Emilio Castelar, os catro últimos presidentes de goberno da I República española, o certo é que a abolición definitiva da escravitude non foi un feito consumado até a Restauración borbónica.

Efectivamente, aínda que poida resultar paradoxal, foi durante o goberno do conservador Cánovas, nun momento xa que logo no que a política española estaba controlada polos mesmos que durante os anos anteriores pertenceran as Ligas Nacionais e a outras asociacións de defensa da escravitude, cando, sendo ministro de Ultramar José Elduayen, se aproba a Lei de abolición da escravitude. Porén, ese paradoxo apenas era aparente, había abondas razóns para obrar así, aínda que para iso haxa que retrotraerse ao ano 1837, data da abolición da escravitude na España metropolitana.

Á marxe de que houbo unha ocasión anterior a 1837 na que se cuestionou a lexislación escravista vixente en España (lembremos que en 1789 por unha Real Cédula de Carlos IV se regula o "comercio de negros" entre España e América), foi en 1811 cando os deputados Alcocer e Argüelles presentaron unha lei de abolición perante as Cortes reunidas en Cádiz que foi rexeitada, e á marxe tamén dos discursos e proclamas abolicionistas de Blanco White, o padre Varela ou Isidro Antillón, quen recibiu unha malleira mortal en 1813 logo de pronunciar un discurso abolicionista nas Cortes de Cádiz, o certo é que non foi ate 1837, baixo presión inglesa, que se promulgou a antedita lei de abolición da escravitude na España metropolitana; así mesmo, anos despois, en 1845, unha lei relativa a prohibición do comercio de escravos, recollía determinadas sancións económicas e pensa de cárcere para os infractores (o que había permitir que a lei fose algo máis respectada que as de 1817 e 1835).

Con todo, en España non houbo un debate real entre os defensores do abolicionismo e os partidarios da escravitude ate 1865, data na que se fundou a antedita Sociedade Abolicionista Española, fundada o 2 de abril por iniciativa do facendado portorriqueño Julio Vizcarrondo, quen se trasladara á Península logo de liberar os seus escravos, e que contou cun importante medio de comunicación escrito: El Abolicionista Español, que para 1866, antes de ser clausurado (como a Sociedade) polo goberno de Narváez, organizou un certame literario que gañou Concepción Arenal co seu poema A escravitude dos negros.

Uns anos máis tarde, logo de que en 1868 moitos dos políticos que formaban parte ou lle deran o seu apoio á Sociedade Abolicionista chegasen ao poder, o debate entre os abolicionistas e os escravistas aumenta a súa tensión. Efectivamente, logo de que a Xunta Superior Revolucionaria, proclamase o 9 de outubro de 1868 unha declaración na que se consideraba "a escravitude dos negros é unha ultraxe á natureza humana e unha afronta á nación que, única xa no mundo civilizado, a conserva en toda a súa integridade" e de que o 15 de outubro esa mesma xunta lle propuxese ao goberno provisional, como medida urxente, que "quedasen declarados libres todos os nacidos de muller escrava logo do 17 de setembro", a aprobación da Lei Moret, polo nome do seu principal relator, o ministro Segismundo Moret, sobre a abolición da escravitude, do 3 de xuño de 1870, concedese a liberdade aos fillos das mulleres escravas, provocou unha reacción moi belixerante dos escravistas españois.

Con todo, a reacción máis violenta estaba por chegar, produciuse a finais do ano 1872, cando o goberno de Ruiz Zorrilla andaba a elaborar un proxecto de lei de abolición da escravitude en Porto Rico, proxecto contra o que se desatou unha feroz oposición na que todo valeu: creación de asociacións de ex residentes nas Antillas, impulsouse a creación de Ligas Nacionais antiabolicionistas, a nobreza plantou o rei Amadeo de Savoia, en quen a prensa centrou todos os seus ataques, campañas na prensa en contra do proxecto de lei, manifestacións, como a celebrada o 11 de decembro de 1872 en Madrid, e... unha conspiración, como a que estaba prevista en forma de golpe de Estado para o 7 de febreiro 1873, uns poucos días antes da súa abdicación, o que facilitou que o 22 de marzo de 1873 o parlamento aprobase a abolición da escravitude en Porto Rico, un mes despois da abdicación do rei e de que se votase a proclamación da República. A explicación para tanta crispación: víase na liberación dos 31.000 escravos portorriqueños un temido preámbulo da liberación dos case 400.000 escravos cubanos.

Os conflitos internos supuxeron un freo

Ao longo de 1873 os conflitos internos (cantonalismo, carlistas, movemento obreiro...) fixeron que os gobernos da República non seguisen a vía lexislativa iniciada en 1870 e continuada coa lei que aprobara en marzo de 1873. Porén, unha vez restaurada a monarquía borbónica, o avance do independentismo cubano forzou a lexislación abolicionista española; efectivamente, quizais sexa unha ironía da historia, pero o certo é que logo da Paz de Zanjón, asinada en 1878 cos independentistas cubanos e pola que se tivo que recoñecer a liberdade que lles concederan aos escravos que se lles uniran, os antiabolicionistas, que temían que a abolición da escravitude se converte en independentistas aos propietarios de escravos que desexasen manter a escravitude, tivesen que ceder ao ver que eran precisamente os abolicionistas os que avanzaban cara a independencia de Cuba.

Daquela, non foi senón ate 92 anos despois de que a República dos Xustos abolise a escravitude en Francia e en todas as súas colonias, aínda que Napoleón a restableceu en 1802, sendo definitivamente abolida na Francia revolucionaria de1848; 76 anos despois de que se decretase por primeira vez na América a abolición da escravitude, o que había de ser unha constante en todas as antigas colonias españolas a medida que ían acadando a súa independencia e da que foron abandeirados abolicionistas persoeiros tan insignes como Simón Bolívar o Libertador ou o xeneralísimo de América, o mexicano Miguel Hidalgo, quen decretou o 6 de decembro de 1810 a abolición da escravitude e de calquera tipo de servidume; 53 anos despois de que o Reino Unido abolise legalmente a escravitude, aínda que nas súas colonias caribeñas esta medida non foi efectiva ate cinco anos despois, en 1838; 40 anos despois da abolición definitiva da escravitude en Suecia, 38 en Dinamarca e 26 en Holanda; 21 anos despois de que o Congreso dos EEUU aprobase o 6 de decembro, oito meses despois do asasinato do presidente Abraham Lincoln –quen proclamara a emancipación dos escravos o 1º de xaneiro de 1863, en plena Guerra de Secesión (1861-1865)–, a XIII emenda, pola que se abolía a escravitude; 8 anos despois de que Portugal abolise a escravitude en todos os seus territorios, culminando un proceso que se iniciara 22 anos antes, en 1856; que España aboliu definitivamente a escravitude alí onde esta era efectiva: en Cuba, pois na España peninsular, onde legalmente a escravitude se suprimira en 1837, na práctica era inexistente dende que en 1766 o embaixador do sultán de Marrocos en España comprara a liberdade dos escravos musulmáns en Barcelona, Sevilla e Cádiz, demasiados anos para o que, como sinalara Castelar no discurso en defensa da abolición da escravitude nas Cortes Constituíntes o 20 de xuño de 1870, "ten unha fonte cenagosa": o comercio de escravos, unha institución económica introducida polos españois na illa da Española en 1502 e que en 1530 xa estaba estendida por todo o Caribe.

Tema marcado como favorito