Hemeroteca

A tese de Requeixo afonda na lírica de Díaz Castro máis alá de 'Nimbos'

O filólogo, ensaísta e crítico literario doutórase pola USC co primeiro traballo arredor do poeta//Preséntase en Santiago a remasterización dun documental de Xulio Xiz sobre o autor

  • 01 mar 2014 / 00:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Logo de dezaoito anos de traballo, o docente e crítico literario Armando Requeixo Cuba (Mondoñedo, 1971) leu na Universidade de Santiago (USC) a primeira tese de doutoramento centrada no autor Xosé María Díaz Castro (1914-1990), un home que se iniciou na escritura de neno e que continuou co oficio ata semanas antes da súa última viaxe.

O traballo A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: Estudo e edición crítica, dirixido por Carmen Branco e Claudio Rodríguez Fer, compila máis de douscentos poemas, a maioría inéditos, posto que ata a data soamente se coñecían 32, entre eles o laureado Penélope, o máis editado e traducido.

"É un poeta ao que todos amamos, pero se tende a pensar" que non foi moi prolífico, conta a Efe Antonio Requeixo, que opina que se relaciona a Díaz Castro con Nimbos, un continente literario pero soamente "unha sétima parte da obra" dun guitiricense que "será recoñecido como un dos grandes poetas do século XX".

Nimbos, con esa liña creativa, é "a xoia da coroa", pero "hai máis", e nese "máis" profunda na tese lida onte á mañá na Facultade de Filoloxía ante un tribunal que estivo presidido polo presdente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero.

Neste estudo están as 32 pezas editadas e os restantes, para, co conxunto, facer unha edición crítica" da súa produción.

A tese incide no global da obra poética do autor galego, fai un percorrido minucioso pola súa biografía e reúne artigos e traducións.

A faceta de tradutor de Díaz Castro é "igual de descoñecida", cando foi un "tradutor moi importante e versátil" que dominaba varias linguas e que optou polo galego para expresarse literariamente.

A elección de Díaz Castro para as Letras Galegas de 2014 supuxo para Armando Requeixo unha sorpresa "mediana" posto que este ano coincide co centenario do seu nacemento e isto "axudou a que a Academia se decidise".

"A elección foi un gran acerto", "era un autor que estaba nas quinielas académicas dos últimos anos e todo apuntaba a que pronto se lle dedicaría".

Requeixo, "díazcastriense de sempre", como el mesmo se define, quixo "rescatar" a obra deste ilustre e "facelo máis próximo, porque é un autor que merece a pena descubrir e redescubrir". A súa poesía é unha mostra "maxistral" da escritura do transcendente, unha suxestiva recreación lírica dos grandes temas universais, adubiada cunha singular simboloxía -amor, tempo, morte- e unha abraiante pulcritude.


NIMBOS, O DOCUMENTAL. A chegada desta tese coincidiu, en hora e cidade -Santiago- coa presentación da nova edición remasterizada do documental de 1987 Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Poesía, dirixido por Xulio Xiz Ramil, amigo persoal do poeta.

O conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, cre na utilidade desta peza audiovisual para os profesores que queiran difundir nos seus centros educativos o labor do autor de Nimbos, polo que se porá o documental a disposición dos equipos de dinamización da lingua galega desde a web institucional de Política Lingüística. Vázquez subliña o feito de que Díaz Castro optase polo galego para expresarse literariamente, "a pesar de vivir en tempos nos que esta era unha decisión difícil".

homenaxe en vida

••• Xiz Ramil, o director do documental, destacou que se sente "nunha especie de cápsula do tempo" un cuarto de século despois de impulsar ese video de homenaxe a Díaz Castro, con quen labrara "unha amizade forte" na súa xuventude.

•••A obra aborda unha "homenaxe en vida" a este "escritor humilde" pero "de altísima dimensión humana e literaria", que nese momento "non é consciente da grandísima importancia que ten como intelectual e poeta".

•••Para o director desta peza documental, Díaz Castro "segue vivo" a través da súa obra 'Nimbos' e entra nesa "dimensión da eternidade literaria".

Tema marcado como favorito