Hemeroteca
serie

TVG estrea "Efectos secundarios"

É unha comedia de sentimentos e humor que ten como eixe central o mundo médico ·· A idea orixinal é de Xosé Cermeño e está producida por CTV ·· A actriz Isabel Blanco encabeza o elenco, composto tamén por Ernesto Chao, Iolanda Muíños ou Manuel Millán

  • 08 sep 2007 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Televisión de Galicia (TVG) estreará o vindeiro luns ás dez da noite Efectos secundarios, unha nova serie de ficción. A idea orixinal pertence a Xosé Cermeño, o creador da exitosa Pratos combinados. Trátase dunha comedia de sentimentos e humor que ten como eixe central o mundo médico e, máis en concreto, a vida e o traballo do persoal que presta servizo nun centro de atención primaria situado nunha vila galega.

A nova serie, presentada onte en Santiago, vén contar, en palabras de Cermeño, que "vivir é un acontecemento cheo de efectos secundarios". Ao longo dos 13 capítulos previstos inicialmente, os guionistas manexan tramas profesionais e laborais, problemas de saúde e enredos domésticos, e inciden sobre os beneficios que o feito de ser feliz podería ter na saúde, se cada cal soubese como facelo.

A actriz Isabel Blanco encabeza a repartición, que conta coa presenza de importantes nomes da escena galega, como Ernesto Chao, Iolanda Muíños, Josito Porto, Manuel Millán ou Evaristo Calvo. Interveñen, igualmente, Rosa Álvarez, Gloria Ferreiro, Sabela Hermida, e José Touriñán e a nena Pilar Bárcena. O director desta nova comedia é o mesmo que o de Pratos combinados, Chema Fernández.

Esta aposta de TVG para os luns pola noite intenta, así mesmo, pór de relevo as consecuencias imprevisibles e ao mesmo tempo divertidas que ten para unha persoa a circunstancia de estar tan comprometida coa profesión, como é o caso da doutora Alicia Sampaio, interpretada por Isabel Blanco.

A atención médica non é o único traballo de Alicia, que ten que repartir o seu tempo en educar a súa filla, reeducar o seu ex marido, entenderse coa súa irmá ou gobernar a súa propia vida, ocupacións que poden terminar sendo moi intensas.

En definitiva, é unha historia de encontro e desencontro entre xeracións sobre o choque de distintos xeitos de estar na vida.

DECORADOS

Recréase con realismo un centro médico

Un dos aspectos máis innovadores desta nova produción da CTV para TVG está nos decorados. Efectos secundarios recrea con realismo e ao detalle un centro de atención primaria. Nel, as estancias non son unidades independentes, senón que están intercomunicadas.

Boa parte da responsabilidade desta ambientación é do decorador Suso Souto, coñecido por traballar xa para numerosos programas e series da canle autonómica.

As tramas desta nova comedia desenvólvense en tres escenarios principais: a unidade de atención primaria, que conta coa súa recepción, administración, área de espera e diversas consultas; a casa de Alicia Sampaio; e a droguería, propiedade de Charo, a irmá da protagonista.

Tamén os escenarios naturais terán grande importancia no desenvolvemento da historia. Os exteriores de Efectos secundarios están a ser gravados nas localidades de Ponte Maceira (Negreira), A Estrada, Santiago e Bertamiráns (Ames) .

OS DATOS

RendibilidadeÁ presentación, que tivo lugar nos escenarios onde se roda unha boa parte da serie, ademais dun nutrido grupo de actores, director e guionista, acudiron o director de TVG, Suso Iglesias; o director de comunicación da CRTVG, Pastor Lorenzo; e o produtor executivo desta serie, Xosé Arias. Iglesias destacou a "rendibilidade" que ofrece a comedia, sobre todo en termos de audiencia.

Proxectos Anunciou ademais para os primeiros meses de 2008 outras dúas novas series, que permitirán renovar as que agora se están emitindo.

Fusión de xénerosProducido por CTV para a canle autonómica, o novo proxecto funde distintos xéneros e estilos de comedia. Inclúe unhas doses elevadas de ironía, pero sen esquecer as emocións e experiencias dos protagonistas .

Tema marcado como favorito