Hemeroteca
Entrevista - Mulleres do século XXI - MARISA NÚÑEZ, ESCRITORA E MESTRA

“Un mal libro pode facer perder un lector”

  • 27 may 2006 / 14:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A vocación inicial de Marisa Núñez foi a Bioloxía, pero unha viraxe levouna ao Maxisterio e por aí encamiñou a vida. Leva dúas décadas dedicada aos nenos, como ensinante e como autora e editora de literatura infantil. O seu libro A cebra Camila publicouse en latitudes tan distantes como Corea e México.
Marisa Núñez (Sarria, 1961) chegou hai 18 anos á escola rural de Hío, en Cangas do Morrazo, e alí segue. Publicou A cebra Camila e O inspector Vinagre en Kalandraka, a primeira editorial que contribuíu a fundar.
Hai case un ano, Núñez participou no parto de Oqo, e nela deu a coñecer Celestino Tarambainas e sacará en breve Chocolata.  Con Pepe Cáccamo fixo unha preciosa antoloxía para convidar os nenos á casa da poesía: O libro dos cen poemas (Espiral Maior).

¿A ti contábanche contos de pequena?
Contábanme… pero, en fin, non é que os contos que me contaran me cambiaran a vida. Foi máis a experiencia: a relación coa natureza, cos obxectos… Desde pequeniña estaba sempre fozando na terra e nas árbores, buscando mundos máxicos e misteriosos. Eu teño moi presente a infancia, non sei se é por estar con nenos en todo momento. Recordo moito os espazos máxicos: a casa do Marqués, que foi a miña primeira escola… Tiña paxariños no teito da aula.

Ías á escola á Casa do Marqués…
Si, foi a primeira escola en Sarria. Daquela o cole aínda non estaba construído. Os marqueses viñan de veraneo e no inverno funcionaba como escola. Era un privilexio:  había xardín, todo estaba cheo de recunchos máxicos. Tamén recordo os toros das árbores, as casas abandonadas…

¿Xa che gustaba facer historias de nena?
Si, a min escribir gustoume desde sempre. O que pasa é que me parecía como unha cousa prohibida. Dábame moitísima vergoña e moito pudor. De pequena facíalle poemas ás amigas e, xa de adolescente, cartas de amor, moitísima correspondencia. Digamos que ser escritora non estaba entre os meus plans.

¿Esas cartas de amor chegabas a mandalas?
(Risas). A ver… Cartas de amor en épocas en que se escribían cartas de amor. Antes foron cartas de amizade. O meu universo eran cartas e diarios. Escribín diarios ata hai moi pouco. Escribía moitos diarios de viaxe, a aínda teño o hábito de levar o cuaderniño comigo para rexistralo todo. Agora xa non escribo nos diarios por falta de tempo, pero ás veces bótoo de menos. Teño caixas de zapatos cheas de cuaderniños con notas, e sorpréndome ás veces ao abrilas e lelas.

¿Alguén que escribe para nenos debe ser un pouco “infantil”?
Debe ter presente o neno que levaba dentro, no sentido de achegarse outra vez a ese código. Está recoñecido desde o século XVIII que os nenos teñen unha maneira distinta de ver e de sentir. Eu teño moi presente o pasado e estou continuamente rodeada de nenos. Coñezo as súas necesidades e recoñézome nese xeito de ver o mundo.

¿Por que a palabra infantil se usa dun xeito pexorativo aplicada aos adultos?
Creo que por descoñecemento. Por ignorancia. Non en todo o mundo é así. Aquí, concretamente, sempre se tivo o neno como o adulto que tiña que chegar a ser. Iso facía que non houbese literatura para nenos, estaba considerada unha arte menor.

Os contos para nenos conteñen moita información sobre a vida. É como se axudasen a preparalos para a idade adulta.
Hai xente que quere suavizalos, presentar un mundo marabilloso… Pero, realmente, o neno está na vida e eu creo que hai que contarllo todo. O mundo hai que amosárllelo coas súas miserias e vilezas. O xeito de contar para nenos consiste en buscar camiños fantásticos para contar as experiencias persoais e todo aquelo que queres dicir. Achegarte no código, non no contido.

¿Os contos para nenos tamén se poden empregar para difundir ideas?
Ai, claro! Eu creo que a literatura sempre ten ideoloxía. Cada un escribe desde o que é. Tamén habería que pensar no que é o conto. Como conto métense moitas cousas que non o son: moitísimo didactismo, utilitarismo…

¿Estás en contra da división entre literatura infantil e literatura para adultos?
En contra, non. Estou en contra de que se considere que a literatura infantil é un xénero menor. A literatura infantil ten que ser literatura e, ademais, tamén poden lela os nenos. A literatura dos nenos ten que ter unha sinxeleza de código, ser comprensible. A ver, non é que todo se teña que entender. Ao mellor o bo libro para nenos é o que non se esgota na primeira lectura. Un bo libro infantil pode lerse tamén desde unha perspectiva adulta.

¿Como se consegue tratar dun xeito intelixente un neno lector?
(Dubida). Eu creo que non hai diferenza entre escribir para nenos e facelo para adultos. Un conto ben estruturado e narrado está pensado para persoas intelixentes. O conto en si desenvolve a intelixencia, nese sentido é tamén unha ferramenta. Eu remato un conto e intento lelo con ollos de nena, e decátome de que vai moito máis alá. De todo o que atopei no ensino, creo que o conto é o máis valioso: estimula a intelixencia, a creatividade, a imaxinación… e, por riba, amosa a vida, porque os nenos entenden a realidade a través do imaxinario.

Por regra xeral, un neno que le será un adulto lector?
Se desaparecesen o 90% dos libros da face da terra… (Risas). E se desaparecesen as lecturas obrigatorias… Un neno que le ten moitas máis posibilidades de ser un adulto que lea. Pero cando lle entusiasma o que le. O pracer e o amor pola palabra constrúense na idade infantil máis que nunca. É máis doado coller o hábito da palabra aos catro ou cinco anos que non despois. Os contos, sobre todo cando teñen formas poéticas, establecen relacións diferentes co mundo. Os nenos teñen unhas caracterísicas que fan que os de agora sexan igual cós de hai mil anos: pensamento máxico, que logo desaparece, animismo, que tamén desaparece… Pero, se de pequeno cultivaches a poesía na relación cos obxectos e a natureza, e se se segue alimentando con boa literatura, hai moitas posibilidades de que permaneza.

¿A vía oral é máis directa cá letra impresa para chegar aos nenos?
A vía oral ten máis que palabras. Ten o xesto, a afectividade… A palabra ten que acompañar o neno desde o nacemento. Antes que o conto escrito ten que haber outros: os de nunca acabar, os de fórmulas, os acumulativos… Todo ese tipo de xogos. Do que se trata é de que descubran que a palabra é unha porta que lles abre a posibilidade de coñecer outros mundos. Cando saben que a palabra pode transmitir esa emoción é cando se pode illar e separar, e que eles desfruten exclusivamente coa palabra.

¿Por que as obras infantís e xuvenís están entre as máis exitosas da literatura galega?
Non teño tan claro que sexa así. A literatura infantil, si. A xuvenil… non sei. No caso da literatura infantil, creo que ten que ver coa calidade. En Galicia, duns anos a esta parte, a literatura infantil chegou a competir coa literatura europea. Pero tamén creo que se edita moi mala literatura e que habería que ser máis coidadosos, máis ambiciosos no mundo editorial para prescindir de moitos libros prescindibles.

Se segue a retroceder o galego entre nenos e mozos, dentro dun tempo non haberá lectores.
Eu son optimista. Dáme a sensación de que, se empezan a ler en galego, despois será máis doado que continúen sendo lectores. O máis importante é seleccionar os libros que chegan ás súas mans. Cada vez que un mal libro chega ás mans dun lector pódese perder como lector.

¿Terías que cambiar moito o chip para escribir para adultos?
Uf, non sei… Nunca escribín para adultos, non sendo cartas. (Risas). E algo de poesía. Non sei se se trataría de cambiar o chip. Eu o que máis coñezo é o mundo infantil e como autora teño a necesidade de expresarme aí. Ademais, a medida que pasa o tempo dáme a sensación de que vou aprendendo.

Un grupo de xente marchastes de Kalandraka e creastes un novo proxecto, de nome Oqo. Cal é a filosofía desta nova editorial?
A produción propia. A experimentación, no sentido de empurrar as fronteiras de ata onde se pode editar para nenos. Traballar con distintas sensibilidades e artes. Intentar achegar a escultura, a pintura… Interrelacionar ata onde se poida a palabra e a imaxe,  buscando a función paratextual, todo o que se pode contar desde a imaxe. Por isto é importante que os autores entendan que un texto ao lado de imaxes é outra cousa.

Tema marcado como favorito