Usuarios de Amicos limparon o paseo boirense no estuario do río Coroño
Cristina Pichel fíxolles entrega dos diplomas do programa de voluntariado xuvenil
A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visitou onte a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos en Boiro para entregar os diplomas acreditativos ós oito participantes no programa de voluntariado xuvenil posto en marcha o ano pasado.
Este proxecto contribúe á integración social dos usuarios e usuarias de dita entidade grazas ó apoio laboral e ó fomento de actividades deportivas, culturais e medioambientais.
A Xunta de Galicia destinou máis de 5.500 euros ó citado colectivo con fin de desenvolver este proxecto, así como outro plan que tiña como fin consolidar un grupo estable de colaboradores con formación adaptada e precisa para distintos ámbitos.
Logo de coñecer as instalacións, desprazouse ata o paseo fluvial do estuario do río Coroño, donde tivo lugar a recollida de lixo feita polos protagonistas desta campaña ó longo de case tres quilómetros. Alí, o alcalde, Juan José Dieste Ortigueira, destacou que, ademais do aspecto formativo, con estas iniciativas incídese na concienciación.
Posteriormente, ambos comprobaron o estado do campamento boirense de mozos e mozas que se ubica en Espiñeira.