Hemeroteca
programación

"Valderrei", a vida dunha muller enfrontada ás súas orixes, en TVG

A nova teleserie que comeza hoxe na Galega é unha adaptación da exitosa "Ventdelpla" ·· No espazo "Hai debate!" analizarase o tema do urbanismo

    • 25 feb 2007 / 23:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Diariamente, e no transcurso de 65 capítulos, as sobremesas da Televisión de Galicia relatarán desde hoxe a historia dunha muller, Isa Pazó, nai de dous fillos, que retorna ás súas orixes e intenta comprender a súa vida. A nova teleserie da TVG, Valderrei, é unha adaptación da coñecida serie Ventdelpla, da TVC, e conta cun importante elenco de actores galegos, caso de Mónica García, que fai o papel principal de Isa; César Cambeiro, Darío Loureiro, Sabela Naveira, Sheyla Fariña, Antón Olmos, Miguel Pernas ou Blanca Cendán, entre outros artistas.

    A historia de Isa Pazó é a ­dunha muller casada con dous fillos que foxe dunha situación matrimonial en crise e que, tras ter vivido moitos anos en Ferrol, ten que volver empezar e refacer a súa vida onde están as súas raíces, unha pequena vila onde tivo orixe a súa familia, Valderrei.

    En Hai debate! falarase dos 60.000 euros, presuntamente achegados por un promotor inmobiliario, a dous concelleiros de Gondomar e os dous mil pisos que hai en Vigo pendentes de derrube por sentenzas xudiciais; temas que sitúan no centro do debate político dúas preguntas polémicas: ¿urbanismo é, na práctica, sinónimo de corrupción?, ¿falamos de ilícitos enriquecementos individuais ou da vía principal para o ilícito financiamento de partidos políticos? O estado do urbanismo galego está marcado pola ausencia xeral de planeamento, que propicia o risco de licenzas discrecionais, e pola dependencia que os propios concellos teñen dos ingresos procedentes das taxas por licenzas de obras. A parte das súas implicacións políticas, o urbanismo afecta tamén de maneira esencial o territorio que conforma o país.

    Para afondar nestas vertentes, no espazo que conduce a xornalista ferrolá Ana Rodríguez, participarán Abel Losada (deputado do PSOE), Carme da Silva (deputada do BNG) e Alfonso Rueda (secretario xeral do PP). Fronte a eles estarán os xornalistas Luís Villamor (La Voz de Galicia), Xan López Rico (axencia Efe) e Arturo Cerviño (Cope).

    Tema marcado como favorito