Hemeroteca

Os verdadeiros heroes, revisitados

  • 20 feb 2017 / 08:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

María Solar vén de publicar unha historia que, aínda que tratada en parte por outros autores, ten, coma sempre, o seu selo persoal. O dominio do tempo narrativo e o tratamento dos personaxes, cheos de autenticidade, son dous dos factores que contribúen a facer de Os nenos da varíola unha narración viva, emocionante, que ten moito de homenaxe e de memoria. Este libro conta como naceu a idea da Real Expedición Filantrópica da Vacina, máis que a expedición en si mesma. É, sobre todo, unha novela que describe como se desenvolve en Galicia a vida dos nenos orfos, como eran os hospicios, como era aquela vida inxusta na que habitaba a enfermidade, a pobreza e a fame. 22 deses nenos, de Coruña, Santiago e Madrid, serán os heroes que transporten a vacina da varíola a América, in vivo, brazo a brazo, di María Solar, sen romper a cadea. Sorteando a morte e a tempestade. Balmis recibirá as honras á súa volta, aínda que foi desposuído por José Bonaparte. Pero as figuras de Salvany e de Isabel Zendal Gómez (Agrela, Ordes), primeira enfermeira internacional, foron tamén moi importantes. Asemade, cómpre sinalar a relevancia na historia dun médico ilustrado, Posse Roybanes, e do pequeno Ezequiel... Esta é unha historia, fermosa e dura, que todos deberiamos ler. A historia emocionante daqueles heroes verdadeiros dos inicios do século XIX: os 22 nenos da varíola. Os protagonistas dunha das grandes fazañas médicas da humanidade.

datos

Os nenos da varíola
María Solar,
Colección Costa Oeste,
Editorial Galaxia,
208 páx. 2017,
12.50€

Tema marcado como favorito