Hemeroteca
distinción

Vicente Araguas recibe o título de Fillo Predilecto de Neda

O poeta, narrador e crítico literario foi recoñecido polo seu concello natal nun multitudinario acto ·· O autor vén de publicar o poemario 'Xuvia revisitada'

  • 09 ago 2008 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Casa da Cultura de Neda quedou pequena o pasado venres para acoller todos os participantes no acto de homenaxe que este concello lles rendeu a tres dos seus fillos, entre eles o poeta, narrador e crítico literario Vicente Araguas, que foi nomeado Fillo Predilecto de Neda.

Araguas, que esta mesma semana recoñecía en EL CORREO GALLEGO os fortes lazos que o unen á terra na que naceu, agradeceulle ó Concello, representado polo seu alcalde Ignacio Cabezón e ó pleno da corporación municipal, recibir un nomeamento que recoñece, en palabras de Cabezón, o orgullo de Araguas polo feito de se sentir de Neda.

Columnista do Diario de Ferrol, colaborador habitual de EL CORREO GALLEGO, Vicente Araguas é un dos persoeiros máis activos e atraentes do panorama literario galego das últimas décadas. Autor de varios libros de poesía -o último deles, Xuvia revisitada, que recolle as súas últimas composicións en verso-, Araguas é tamén un destacado narrador, con títulos como A canción do verán ou Agora xa foi. Participou activamente, como letrista e cantante, no movemento poético-musical Voces Ceibes, que neste 2008 cumpre corenta anos e ten asinado críticas literarias nos principias medios galegos e españois.

Ao acto do venres -no que tamén foron homenaxeados Fausto Cansado e Manuel Rodríguez Rodríguez-, asistiron o vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar; a delegada da Consellería de Cultura, Milagros Latre; o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri e a primeira tenente de alcalde, Yolanda Díaz; así como os primeiros edís de San Sadurniño, Secundio García, e Cedeira, José Luis Vergara, entre outros.

Tema marcado como favorito