Hemeroteca
O SAL DA TERRA

Xesús, ese home

    • 17 oct 2018 / 18:30
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Teño a convicción que, paradoxalmente, a figura de Xesús non pode ser estudada desde a fe ou crenza relixiosa, obviamente cristiá. Estando eu –coma moitos- educado na tradición católica, non podemos prescindir do aprendido malia que non creamos nunha divindade nin, moito menos, se vai asociada a Xesús.

    É dicir, e velaí o paradoxo: prescindindo da súa dimensión divina e retendo unicamente a súa dimensión humana, estamos en mellores condicións para entender e incluso practicar o seu ensino. ¿Ou acaso alguén que se considere xusto, demócrata e minimamente solidario cos outros pode estar en contra das súas doutrinas de igualdade entre os homes, de perdón e de conmiseración?

    Xa de ben mozo cheguei á conclusión que se ben non creo nunha divindade superior, non por iso farei exercicio para combatela nin contra os que cren en Deus. Son agnóstico pero, tal vez por iso mesmo e porque liberdade é tolerancia, non aturo os comecregos. Un punto de partida semellante ao do historiador e escritor valenciano Joaquín Riera cando decidiu achegarse á figura humana do Mesías enEl otro legado de Jesús, editado recentemente pola editorial cordobesa Almuzara.

    Neste ensaio, Joaquín Riera analiza un documento incluído noNovo Testamento, concretamente nas ‘Epístolas católicas’: a “Carta de Santiago”. Este escrito sería obra de Santiago o Menor, o fillo de Alfeo, e un dosadelfoiou supostos irmáns de Xesús. Iría dirixida aos xudeus convertidos á doutrina de Xesús que residían fóra da terra de Israel. Un escrito que –como as outras epístolas contidas no apartado sinalado- nunca foi citado, lido ou glosado pola xerarquía da igrexa católica nos seus dous mil anos de existencia.

    Riera considera que o grupo de xudeus seguidores de Xesús, en tanto que observantes da lei xudaica, constituían un colectivo herexe –cabería dicir- verbo dos preceptos da relixión hebrea pero sen rematar de constituírse como ente separado. Un grupo que en tanto que crentes no Deus de Moisés, puñan o énfase na dimensión humanística da doutrina predicada por Xesús, que chocaba –en tanto que eventual zelote ou nacionalista hebreo- contra a submisión á autoridade de Roma dos xerarcas do templo de Xerusalén.

    Eran estes grupos de xudeocristiáns os que Saulo de Tarso perseguía en tanto que observador da ortodoxia xudaica. Unha ortodoxia que transformaría cando, despois da súa lendaria caída do cabalo nas portas de Damasco, pasou a militar como cristián. E foi desde a súa condición de novo crente de base helenística cando quixo dar expansión ao cristianismo polo imperio romano adiante. Especialmente, cando foi capaz de superar / esquecer certas prácticas xudías obrigadas como a circuncisión, incomprensible para os pagáns hedonistas.

    Dalgún xeito, Paulo, o novo apóstolo, precisaba combater os seguidores xudeocristiáns –con Santiago Alfeo á cabeza- para facer do cristianismo unha nova relixión que puidese estender polo imperio de Roma: como Saulo e xudeu perseguiu aos xudeocristiáns e fixo o mesmo –xa non de maneira cruenta senón coa predicación- como Paulo e cristián. E para iso tivo que poñer o énfase na dimensión divina de Xesús (Mesías, fillo de Deus, a Trindade) -e, obviamente, na virxindade perpetua de María- en detrimento da humana: adeus para sempre ao perdón, ao amor, a igualdade entre os homes.

    En definitiva, a formación dunhas primeiras estruturas –por precarias que fosen- para adaptalas á realidade do imperio de Roma e tal vez por iso, con aquel Pedro que negara a Xesús por tres veces, fundou a Igrexa na capital imperial. E así foi ao longo dos seus dous mil anos: conforme máis divinizou a figura de Xesús, menos consideración real tivo polos verdadeiros problemas da humanidade.

    Tema marcado como favorito