Hemeroteca
GALICIA XXI ··ACTORES DO CAMBIO

Xoán R. Doldán: "Extraer cru será rendible a partir de 100 dólares barril"

“Os empregos que dá o sector enerxético en Galicia non se corresponden cos beneficios que obtén”

  • 11 abr 2010 / 01:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Xoán Ramón Doldán García (Ponteceso, 1963; doutor en Ciencias Económicas; profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Santiago; ex director do Instituto Enerxético de Galicia) está a comenzar a traballar nun proxecto, que durará dous anos, sobre o metabolismo económico das comunidades autónomas e das familias, no que participan profesores de distintas universidades. O metabolismo económico é unha metodoloxía, elaborada dentro da corrente da economía ecolóxica, conta o profesor Doldán, que "pretende ver a economía como un organismo no que existen determinadas funcións que se poderían asemellar ao funcionamento dun ser vivo. E así como no ser vivo é necesaria a inxesta de determinados materiais e determinadas enerxías e a agua que xorde do seu contorno, e se producen uns residuos e unhas perdas, iso tamén e visualizable na economía. Cando se fan este tipo de análises, compróbase que unha economía pode estar utilizando grandes cantidades de enerxía e de auga que non son para cubrir as súas necesidades metabólicas internas, senón para cubrir as doutras economías. Moitas veces cando exportamos un produto exportamos moitas otras cousas que no se ven. Son os chamados fluxos ocultos –auga, enerxía e materais–. Cando Galicia exporta aluminio, iso leva detrás un consumo enerxético moi importante. Esa análise pódese aplicar a calquera outra actividade e ver como se relacionan, no caso de España, as comunidades autónomas".

_ Que papel ten Galicia en España no mercado da enerxía?

_ Galicia é un lugar onde se transforma moita enerxía primaria para obter electricidade e derivados do petróleo e do gas.

_ Iso benefícianos?

_ O de ter capacidade para facer esa transformación pode ser beneficiosa en determinados momentos. Pero tamén asumimos moitos custos ambientais e relacionados con esa transformación. Soportamos moitas infreastruturas para transportar esa enerxía que vai ao exterior ou para que entren as importacións de enerxía primaria. En cambio, os beneficios en termos de emprego non se corresponden coa dimensión do sector, e eses beneficios repercuten en empresas que nin sequera teñen o seu domicilio social en Galicia. Caso de Iberdrola ou de Gas Natural-Fenosa. Segundo as estatísticas oficiais, levamos dúas décadas nas que se está a reducir o número persoas empregadas.
_ Que posto ocupa Galicia en España na produción de enerxías renovables?

_ Somos os primeiros produtores en enerxía eólica e hidraúlica. Pero non nos beneficiamos porque aquí sempre se orientou o sector enerxético no papel de abastecedor de enerxía para o resto de España, e non tanto para o desenvolvemento interno do propio país. Houbo algún caso, unido ao grupo Barrié, dunha vinculación entre o ámbito industrial e a xeración de enerxía eléctrica. Unha vez que iso desaparece, o aumento da capacidade de transformación
doutras enerxías en enerxía eléctrica é para exportar. Non se aproveita para crear un novo tecido industrial ou mellorar o servizo de abastecemento, pois cabería pensar que en Galicia debería haber unha mellor distribución da electricidade. E non a hai. Temos unha rede de transporte pensada para evacuar a enerxía cara ao exterior, non para fornecer de enerxía o rural e as cidades.

_ Os cambios introducidos polo Goberno Feijóo na normativa que dá pé ao concurso eólico melloran a anterior?

_ En 1995, cando se empeza a desenvolver o sector eólico, tratouse de vinculalo a actividades industriais. Pero non houbo un control exhaustivo de se as empresas que se estaban a beneficiar do sector eólico cumprían os plans industriais. Posteriormente, no decreto que sae na pasada lexislatura, trátase de vincular o establecemento dos parques eólicos aos proxectos industriais a desenvolver nesas zonas. Pero ese decreto tivo unha vida moi curta, e non puido dar os seus froitos. Agora, coa nova normativa, os proxectos industriais xa non son obrigatorios. E non está claro que o canon eólico vaia resolver os problemas de desenvolvemento local, aínda que unha parte do canon vaia parar aos concellos onde estean situados os parques eólicos, nin favorecer o desenvolvemento doutras actividades industriais.

_ Galicia debe aproveitar a enerxía mareomotriz?

_ Máis que mareomotriz sería a ondeomotriz, relacionada máis co movemento das ondas que coas mareas, pero non hai un desenvolvemento tecnolóxico que permita establecer instalacións industriais. Podería ser unha forma interesante de abastecer zonas do litoral, sempre que non entre en colisión con outras actividades que xa se fan no mar.

_ Que facer coa biomasa?

_ Había que recuperar eses aproveitamentos para abastecemento de calor para auga e calefacción nas vivendas e ata de aldeas e barrios. Algo que xa se está facendo noutros lugares de Europa. Non obstante, non estou moi convencido dos aproveitamentos da biomasa para producir exclusivamente electricidade, porque a maior eficiencia do aproveitamento da biomasa está en producir calor.

_ O biodiésel pasou de moda?

_ O biodiésel foi unha solución de urxencia ante a subida do precios do petróleo, pero hoxe é unha solución truncada. Hai outro tipo de combustibles alternativos no transporte. De todas formas, é necesario avanzar na utilización do aceite vexetal no transporte na agricultura. Moitas explotacións agrícolas poderían ser capaces de producir o seu propio combustible

_ A substitución do petróleo obriga a máis eficiencia enerxética?
_ A maior parte do petróleo vai destinada ao transporte, e o seu uso é bastante ineficiente. A necesidade de substituílo non é só por razóns ambientais da súa combustión, senón que cada vez hai máis indicios de que podemos estar chegando ao cénit do petróleo. Algo do que está alertando a propia Axencia Internacional da Enerxía, que contempla ese escenario para o 2020, e a AIE é bastante comedida á hora de facer este tipo de alertas.

_ O petróleo está aproximándose á taxa de retorno 1?

_ Canto máis baixa é a taxa de retorno enerxético, o aproveitamento é menos eficiente. Os xacementos que agora se descobren son menores que os grandes xacementos que se descubriron noutros tempos. Normalmente, teñen o petróleo a unha maior profundidade, e o custo da extracción é moito maior canto maior sexa a profundidade na que se atope. Teñen menos petróleo e é de peor calidade.

_ A substitución do petróleo precisa de grandes cambios no modelo enerxético?

_ O petróleo vai ser substituído no transporte, porque no momento en que cheguemos ao escenario do cénit do petróleo nos atoparemos con desabastecementos nos mercados e un encarecemento do seu prezo. As propias petroleiras e a ANE consideran que para seguir extraendo petróleo nas condicións apuntadas, o prezo non debe baixar dos 100 dólares barril.

_ Ese escenario está xa á vista?

_ Si, e 100 dólares é un prezo mínimo. No escenario internacional estase a falar de 150 dólares barril. En calquera caso, o prezo do petróleo será moito maior do que é na actualidade.

_ Hai altenativa?

_ A solucion non só pasa por buscar un combustible diferente. Hai que cambiar os modos de transporte e a concepción do espazo, de como ordenamos. Debemos ir a un urbanismo de proximidade, que non ocasione grandes desprazamentos. O transporte eléctrico tamén ten limitacións, porque producir toda a electricidade necesaria para manter un sistema de transporte como o actual é totalmente inviable. A demanda de enerxía eléctrica dispararíase, e obrigaría a máis encoros, máis parques eólicos, etc. E non é fácil duplicar a capacidade de produción.
_ Está calculado como poden afectar os cambios no modelo enerxético ao turismo?
_ Non. Pero antes que a ninguén afectaralles ás empresas aéreas de baixo custo, e moitas viaxes que agora se fan posiblemente deixen de facerse. Virgin e outras empresas británicas estiveron insistíndolle ao Goberno británico para que cree unha comisión parlamentaria para tratar o cénit do petróleo. Os efectos sobre o turismo de longa distancia serán importantes.

_ Hai que ir a unha nova cultura enerxética?

_ Hai que cambiar a mentalidade no que ten que ver coa xeración e coa utilización da enerxía. Algúns pasos estanse a dar, pero moito máis lentamente do que deberiamos. Hai que empezar a buscar fórmulas mediante as que poidamos autoabastecernos de enerxía. Poñer pequenas centrais de xeración de enerxía nas casas, sexan vivendas unifamiliares, edificios ou barrios. Sobre todo coa demanda de calor para calefacción e auga quente. Despois hai que ser máis coidadosos no uso da enerxía no ámbito doméstico e no transporte. E na maioría das cousas que consumimos hai unha mochila enerxética: cando duplicamos ou triplicamos as embalaxes, ou facemos mover produtos dun lado a outro do mundo, que temos ao lado da casa.
_ Haberá un retorno ao local?

_ Empezaremos a redescubrir a produción local, a valorala. Os mercados locais poden ser moi beneficados polos cambios enerxéticos. Esas formas de distribución poden facerlles fronte aos custos enerxéticos. Cando se fan pequenos desprazamentos, ese custo repercute moi pouco no prezo final. Así que a produción local irá en aumento.

_ Os cultivos volverán pórse en valor en Galicia?

_ Isto non é un canto para ir cara a atrás no tempo. É imposible. O campo que tiñamos non o imos recuperar, pero si redescubriremos o campo, e persoas que non vían o rural como un sitio onde elas traballar ou realizarse, empezarán a descubrir nel oportunidades. Haberá unha revitalización do rural. E os primeiros en notalo serán as zonas rurais próximas ás cidades.

_ Afectará á economía da exportación?

_ Non desaparecerá a exportación, pero só se importará aquilo que non se poida obter no contorno próximo. Hai algúns estudos interesantes sobre como pode repercutir a subida do prezo da enerxía no mercado chinés de produtos de baixo custo.

O perfil

"Sempre fixen as tarefas domésticas"
En que lecturas anda?

En bastantes lecturas, e maior parte delas teñen moito que ver co traballo. Non hai máis remedio. Estou a ler a obra de Ivan Ilich El trabajo fantasma, que acaba de editar en dous tomos o Fondo de Cultura Económica, e cuns sonetos de Luis de Camões

Vai con frecuencia ao cine?

Pois si, si vou con bastante frecuencia. Mínimo, vou ao cine unha ou dúas veces á semana,. Se ben ultimamente a oferta de carteleiras que hai en Santiago non é que se diga moi boa e foi se reducindo.

E ao teatro?

Gústame velo, pero non vou tanto. Tampouco hai as mesmas oportunidades que para ir ao cine. A última representación teatral que fun ver foi Shakespeare para ignorantes, dirixida por Quico Cadaval.

Que tipo de música lle gusta escoitar?

Normalmente escoito música na casa, sobre todo música clásica e tamén ópera. E cando vou de viaxe, escoito de todo. Son moi ecléctico.

Que preferencias ten dentro das artes plásticas?

A pintura. Gústame un pouco de todo, impresionismo, expresionismo, e, desde logo, os pintores do barroco. Non me gusta tanto o abstracto, se ben hai algúns pintores cuxas obras me atraen.

A arquitectura é arte?

Hai algunhas obras arquitectónicas que si poden ser consideradas como arte, pero non toda a obra feita por un arquitecto é arte. A arquitectura debe buscar a funcionalidade e non ten porque significar sempre unha expresión artística.

A onde lle gusta viaxar?

Nos últimos tempos estou indo bastante a Francia. Namoreime do rural francés: desde logo a Borgoña gústame moitísimo. Pero tamén me gustan outros moitos lugares do mundo; o ano pasado fun a Arxentina, e deixoume impresionado.

Cociña?

Si. Sei cociñar sen maiores problemas, e cociño as fins de semana; o resto dos días da semana non cociño porque como case todos os días fóra da casa.

E como se leva coas tarefas domésticas?

Bastante ben. Teño unha nai que me educou en facer todas as tarefas domésticas. Así que sempre as fixen e sígoas facendo. Por suposto non é que me apaixone facer as tarefas domésticas, pero debo dicir que tampouco as vivo como un problema.

Como recibiu o teléfono móbil?

Pois con certa incomodidade. O primeiro teléfono móbil que tiven regaloumo a miña irmá, porque segundo ela eu estaba sempre ilocalizable. E aínda así o móbil permaneceu un par de anos na casa sen empregar. Agora xa o utilizo e ando sempre con el, pero o certo é que non me gusta demasiado.

E o PC portátil?

Tamén o uso, pero procuro telo estático. Non me gusta andar co traballo dun lado para outro. Prefiro levar un libro a levar o PC portátil por aí. E se teño que tomar algunhas notas, utilizo un caderno.

Tema marcado como favorito