Hemeroteca
os mellores

O xornal "Galicia Hoxe", finalista dos premios ÑH 03 de deseño

O periódico do "Grupo Correo Gallego" é recoñecido polo capítulo español da "Society for News Design" ·· Burgos será sede, en novembro, do congreso que reunirá máis de 150 profesionais de España e Portugal

  • 04 oct 2006 / 02:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Galicia Hoxe atópase entre os xornais mellor deseñados de España e Portugal. Así se recoñece na terceira edición do certame O Mellor do Deseño Xornalístico España & Portugal, (ÑH 03) do 2006, onde quedou finalista na categoría de medios de menos de 20.000 exemplares.

Os periódicos ABC, Diario de Sevilla, El Economista e elpais.es foron os grandes gañadores. O comité, composto por 13 profesionais de ambos os dous países, deliberou sobre os traballos de 52 medios impresos e on-line e máis de 2.100 páxinas que se presentaron á terceira edición dos Premios ÑH 03, que organiza o Capítulo Español da Society for News Design.

O responsable do deseño de Galicia Hoxe, Ferrán Grau, destaca a aposta que este xornal fai polos elementos gráficos e lembra que é o único periódico que se atreveu con xogar con novos elementos como as caixas (maiúsculas e minúsculas) usándoas de forma alternativa nas súas páxinas.

Grau afirma que Galicia Hoxe "é un medio alternativo" que "non tenta competir cos grandes xornais e que non obstante está a facer cousas moi importantes". O deseñador, que acolleu con moito agrado o premio, cre que se trata dun recoñecemento ó conxunto do diario e o seu formulamento xeral.

O xurado, reunido na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra entre o 28 e 30 de setembro pasado, deixou tamén como finalistas na categoría de medios impresos a Público e Metro (medios con máis de 50.000 exemplares), Expansión (medios impresos de entre 20.000 a 50.000 exemplares), e a Diario de Burgos (medios de menos de 20.000 exemplares).

Ademais, concedéronse catro recoñecementos especiais a El Mundo, polas súas infografías de gran formato para a súa revista Magacín; a Público, polo conxunto de portadas da súa revista dominical Pública; a El Economista, polo uso continuado da ilustración, e Heraldo de Soria, polas portadas do seu suplemento De Domingo. Como mellor portada do ano foi escollida unha do diario El Economista, datada o 4 de marzo do 2006 e titulada "Rato ponlle os deberes a Solbes".

Pola súa parte, na categoría de publicacións en Internet, elpais.es, ademais de revalidar o premio ó periódico on-line mellor deseñado de España e Portugal, adxudicouse outros dous ouros polo seu "Resumo de 2005" e un especial sobre o "Alto o fogo de ETA". Ademais, obtivo outras 6 pratas e 5 bronces. Outros diarios dixitais galardoados foron elmundo.es (3 pratas e 9 bronces), e abc.es (1 bronce).

Os premios entregaranse durante o congreso O Mellor do Deseño Xornalístico España&Portugal, que terá lugar entre o 8 e o 10 de novembro en Burgos. No encontro, organizado polo Capítulo Español da Society for News Design en colaboración con Promecal, daranse cita máis de 150 profesionais.

Tema marcado como favorito