O Correo da Área de Compostela

A actividade de Protección Civil, indispensable no Plan contra Incendios de Ames

O edil mailo alcalde abordaron o dispositivo, que busca reducir o tempo de resposta, cos corpos de seguridade

  • 14 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Preto de vinte persoas se reuniron esta mañá no Pazo da Peregrina para coñecer os protocolos que un ano máis pon en marcha o concello co obxectivo de estar preparados ante un incendio no termo municipal. O concelleiro de Transición Ecolóxica, Manuel Lens, detallou os medios cos que conta o Concello de Ames na súa loita contra o lume e agradeceu a todos e todas as asistentes o interese posto no plan.

“Espero non vervos por este tema en todo o verán” ese foi o desexo do concelleiro, e ao que se sumou o alcalde de Ames, Blas García. O rexedor municipal gabou, ademais, a implicación de Protección Civil, “cuxo papel na loita contra o lume é fundamental na actualidade” e lembrou a formación específica para intervir en incendios que recibiu o persoal de esta asociación.

voluntarios. Precisamente a Asociación de Protección Civil tomou a palabra para presentar o traballo realizado na elaboración dun mapa das hidrantes de todo o concello. Segundo Juan Pérez, responsable da agrupación, este traballo está encamiñado a reducir o tempo de resposta ante un posible incendio. O estudo inclúe un mapa coas coordenadas GPS e unha lenda onde se describe o que se van atopar no lugar e o estado en que se encontra. Protección Civil está formada por 33 voluntarios que se van a dividir en tres equipos de traballo. Xunto ao persoal humano destacan como novidades a incorporación dun equipo autónomo que permite converter puntos de auga en hidrantes, o material necesario para montar un posto de mando avanzado no lugar do incendio ou un vehículo todoterreo adaptado tanto ao transporte de materiais como á evacuación das persoas presentes alí.

coordinación. A través deste plan artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames no operativo municipal de prevención de incendios. Os distintos equipos de intervención englóbanse en grupos de prevención, sanitario e acción social, transmisións e coordinación da operativa e de loxística e seguridade. Este último está formado por membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica, a brigada de obras, a Asociación de Protección Civil e de GES-Brión; mentres que o equipo sanitario e de acción social, inclúe traballadores sociais, médicos de atención primaria e voluntarios.

Como novidade, incorpóranse a este Plan de Incendios do ano 2021 o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández e o concelleiro de Medio Rural, Santiago Márquez. O plan é unha folla de ruta que facilitará a actuación de cada un dos sectores implicados en caso de producirse un incendio no noso Concello e que ten como obxectivo unir esforzos na loita contra o lume.

PROTOCOLO. No protocolo establécense, ademais, tres tipos de situacións de emerxencia, segundo a magnitude do lume, os bens forestais e de natureza non forestal aos que afecten e as necesidades e medios que se precisen para atallalo.

As situacións segundo o nivel en que se atope o lume son pre-alerta, alerta e emerxencia. O plan define cada unha das fases e os pasos a seguir en cada unha delas, definindo a labor de cada grupo de emerxencia e o papel que han de desempeñar tódolos servizos en cada unha das devanditas alertas establecidas.

Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.