O Correo da Área de Compostela
PESCA. As rulas do litoral da Área Metropolitana ingresaron en 2020 algo máis de 82,7 millóns de euros // Poxaron 44.000 toneladas de peixe e marisco // En Noia as capturas e as vendas víronse reducidas á metade respecto a 2019 TEXTO J.M. Ramos

Baixa un 18% a facturación das lonxas no ano da crise sanitaria

  • 10 ene 2021 / 16:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O 2020 tampouco foi un bo ano para o mundo da pesca e do marisqueo, a pesares de que os profesionais do mar se mantiveron activos todo o ano, xa que son sectores considerados esenciais. Nembargantes, o seu traballo e o gran esforzo realizado non se viron recompensados, xa que a facturación das lonxas do litoral da Área Metropolitana de Santiago, comprendido entre Caión e Rianxo, baixou máis dun 18 respecto ao exercicio de 2019.

Así o pasado ano ingresaron algo máis de 82,7 millóns de euros, fronte aos más de 101 millóns que xeraron no exercicio anterior, segundo datos de Pesca de Galicia. A caída foi xeralizada, e só a rula de Malpica conqueriu mellorar as súas cifras, mentres que as de Camariñas e Portosín mantivéronse en rexistros similares aos de 2019.

En canto ao volume de peixe e marisco subastado, a diferenza foi menor, xa que en 2020 poxaron más de 44,3 millóns de quilos e o ano anterior algo máis de 46,5 millóns. A lonxa de Ribeira segue sendo a que maior volume de producto mobiliza, acaparando máis do 50% do total de capturas e tamén da facturación.

Pola contra, a rula de Noia foi a que rexistrou unha maior caída, tanto de ingresos como de capturas, pasando de poxar máis 2,7 millóns de quilos de marisco (ameixas e berberecho) en 2019 a tan só 1,26 millóns o último ano. Iso supuxo tamén unha baixada da súa facturación, que pasou de máis de 20,7 millóns de euros a 9,8 millóns no exercicio que acaba de rematar.

As mariscadoras do Anllóns, en Cabana de Bergantiños e Ponteceso, tampouco tiveron un bo ano. As capturas de berberecho pasaron de máis de 146.000 quilos en 2019 a tan só 31.300 en 2020, o que supuxo unha merma importante dos seus ingresos, ao pasar de facturar 963.000 euros a tan só 254.000 €.

A lonxa de Rianxo tamén sufríu unha importante baixada na súa actividade, pasando de facturar 5,9 millóns en 2019 a só 3,7 o pasado ano.

O patrón maior da confraría de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que son varios os factores que xustifican esta baixada. Unha das causas “foi que tivemos moito mal tempo, e iso fixo que a frota tivese que estar amarrada moitos días”, sinala. Á merma da actividade sumouse a escaseza de recursos, especialmente de especies como o polbo, que “é a que xenera a maior parte dos ingresos en lonxas como a nosa”, apunta Martínez Escarís.

Na campaña de Nadal, a situación actual derivada da crise sanitaria, os peches da hostalería e as restriccións de mobilidade fixeron tamén que as cotizacións do marisco quedasen por debaixo das rexistradas outros anos. Foi o caso da centola que, “cotizou máis ben á baixa, e ademais tampouco houbo moita cantidade”, engade o patrón maior da vila fisterrana.

A pesares diso, as confrarías e os profesionais do mar, acostumados a capear fortes temporais, queren ser optimistas e confían en que no 2021 a situación se normalice e poidan repuntar as cifras, especialmente as dos ingresos. No caso do pósito de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que “desde que eu son patrón só tivemos perdas un ano”, pero recoñece que cada vez teñen que realizar un maior esforzo “e optimizar os recursos ao máximo”.

O protagonista
“O peor é que agora veñen máis recortes”
Pedro Pérez
Patrón maior da confraría de pescadores de Malpica

O patrón maior de Malpica, Pedro Pérez, di que a pesares de que foron dos poucos que conqueriron mellorar as cifras do 2019, “iso débese tamén a que viñamos dunha situación moi mala, que agora conquerimos estabilizar e parece que imos recuperándonos pouco a pouco”. Non obstante, recoñece que o futuro non é moi alentador para o sector pois “agora xa temos novos recortes de cotas enriba da mesa para este ano”.

É o caso da pescada, que en 2020 incrementouse ata os 15.000 quilos por barco, “e este ano queren baixala a 10.000 ou 8.000 quilos”, afirma. Unha proposta á que non lle atopan explicación, polo que xa remitiron un escrito ás federacións provincial e autonómica de confrarías para que fagan o posible para reverter esta situación, “xa que isto non só afecta aos barcos que traballan con betas, senon que, ao verse estes obrigados a cambiar de arte cando agotan os seus cupos, iso fai que a presión recaia sobre o resto da frota e dos recursos”.

Lembra que a confraría de Malpica, xunto con outras, veñen demandando dende hai tempo a supresión de cotas á frota artesanal, pois entenden que é a gran perxudicada no reparto de cupos, a pesares de ser a que menos presión exerce sobre os recursos e a que xera un maior número de postos de traballo. Asegura que seguirán pelexando e buscando alternativas para manter a flote o sector.

{ Pasaba por aquí }
Virán tempos mellores
Manuel Lavandeira

As xentes do mar saben ben que despois do temporal chega a calma e, por iso prefiren pór boa cara ao mal tempo. Saben que o 2020 no foi un bo ano, nin para eles nin para a maioría dos sectores. No seu caso, á escaseza de recursos e ás limitacións impostas polas cotas de capturas, sumáronlle o pasado ano a inactividade no sector hostaleiro por mor da crise sanitaria, o cal fixo que as cotizacións do produto non fosen as habituais, especialmente na campaña do Nadal. A pesares dixo, seguirán remando para que o recén estreado 2021 lles permita superar as cifras acadadas este ano, e que os polbos volvan a entrar nas nasas, que o marisco se pague ao prezo que vale e que os ingresos compensen o seu esforzado traballo diario.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.