O Correo da Área de Compostela

Boqueixón renovou a contorna do Campo do Río de Ponte Ledesma

O goberno local tamén habilitou unha área de descanso próxima ao pavillón de Lestedo

  • 08 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Boqueixón. A pesar da crise sanitaria non cesan as obras no municipio boqueixanés co obxectivo de ir renovando e mellorando as infraestruturas da vila para a comodidade da veciñanza e turistas. Así, o Concello vén de acondicionar as contornas do pavillón polideportivo de Lestedo e do Campo do Río, en Ponte Ledesma. Ambos proxectos supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros e para a súa execución contouse co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

“Trátase de dúas actuacións que contribuirán á mellora e posta en valor de dous espazos que son punto de referencia para visitantes e persoas que percorren a Vía da Prata ao seu paso polo municipio”, indica o alcalde da vila, Manuel Fernández Munín. O rexedor lembrou que tanto nas obras da contorna do pavillón de Lestedo como do Campo do Río “fíxose especial fincapé na integración na paisaxe”, asegura.

No caso de Lestedo, habilitouse un área de descanso. “Creamos unha zona de parada, pensando especialmente que este é un lugar de paso dos peregrinos que percorren a Vía da Prata”. Para iso, construiuse un muro de cachotería con pedra tradicional na pista exterior e na contorna dos antigos vestiarios cun espazo pensado para descanso. Dita zona complementouse cunha nova senda que fará as veces de pequeno desvío con respecto ao trazado da Vía da Prata ao seu paso polo pavillón de Lestedo.

Pola súa banda, no Campo do Río, nivelouse e perfeccionouse o terreo mellorando a accesibilidade e optimizando o acceso ás Ínsuas de Gres. O renovado espazo, segundo sinalan fontes municipais, permitirá paliar os problemas derivados das enchentes do Ulla e que obrigaron no seu día a levar a cabo diversas reformas.

O proxecto completouse coa extensión de 20 centímetros de terra vexetal con sementeira que fomente o crecemento de especies vexetais autóctonas. A.P.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.