O Correo da Área de Compostela

Boqueixón xa ten propostas para celebrar o 8-M cos máis novos da vila

Ao longo do mes de marzo van ter lugar catro obradoiros con perspectiva de xénero

  • 26 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Boqueixón. O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón organiza unha programación especial con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller (8-M). Unha efeméride que se porá en valor a través do desenvolvemento de catro obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria. Segundo explican dende o CIM, o obxectivo desta iniciativa é “ofrecer tres xornadas nas que se tratará a temática da igualdade dun xeito divertido”.

Os cursos desenvolveranse durante todo o mes de marzo dentro do programa de conciliación Venres de Lecer, en horario de tarde. As propostas son de balde, previa inscrición ata tres días antes da actividade no enderezo electrónico cim@boqueixon.com ou no teléfono 981 513115. As prazas son limitadas.

A primeira das sesións, dirixida a escolares de 1º e 2º de Educación Primaria, terá lugar o 5 de marzo. Ofrecerase un Memori xigante no que o alumnado poderá comprobar como os xogos e os xoguetes predispoñen á elección das profesións. Para o día 12 está previsto o obradoiro Non me chames princesa para estudantes de 3º e 4º de Primaria. A xornada do venres 26 de marzo contará con dous obradoiros. O primeiro deles, Igualdade Express (para os cursos de 5º e 6º de Primaria) e o segundo irá dirixido ao alumnado de Secundaria. Baixo o título Scape School os participantes deberán atopar as chaves que lles permitan abrir as cadeas da desigualdade de xénero. A.P.

TEMAS
Tema marcado como favorito
8-M
CIM
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.