O Correo da Área de Compostela

Concédense 50.000 € a empresas e autónomos

  • 05 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ames. A xunta de goberno local aprobou o pasado mes de setembro as contas xustificativas para proceder ao pagamento das axudas do Plan Ames Progresa, dirixidas ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local. Deste xeito, aprobouse a concesión de 49.599,26 euros a 35 empresas e autónomos. As axudas outorgadas teñen un importe máximo de 1.500 euros. Esta convocatoria estivo dirixida ás empresas e profesionais autónomos que pecharon parcialmente entre os meses de xaneiro e outubro de 2021, por mor da situación epidemiolóxica e das restricións vixentes no momento do peche.

Cómpre lembrar que a xunta de goberno local aprobou o pasado 30 de decembro de 2021 as bases reguladoras da convocatoria de axudas do Plan Ames Progresa dirixidas ao mantemento do emprego e do tecido empresarial local no exercicio 2021 por un importe de 120.000 euros. As bases foron publicadas posteriormente o 21 de xaneiro de 2022 no BOP, así como na Base de datos nacional de subvencións.

O 17 de marzo de 2022 aprobouse a ampliación do prazo de xustificación das axudas do Plan Ames Progresa ata o 30 de xuño. A continuación, por resolución de alcaldía, o 30 de maio deuse luz verde ao reparto das axudas, e rematado o prazo de presentación da documentación xustificativa, a xunta de goberno aprobou no pasado mes de setembro as contas xustificativas para os efectos de cobro das 35 axudas por un importe de 49.599,26 euros, que se están abonando a empresas e autónomos que pecharon parcialmente en 2021. As achegas outorgadas teñen un importe máximo de 1.500 euros.

Nesta liña de axudas puideron participar microempresas, PEMES ou profesionais autónomos, que foran obxecto das medidas de peche parcial entre os meses de xaneiro e outubro de 2021, segundo o indicado na Orde do 3 de decembro de 2020, pola que se estableceron medidas de prevención específicas debido á evolución da situación epidemiolóxica en Galicia.

A concelleira de Promoción Económica do municipio, Ana Belén Paz, destacou que “esta convocatoria de axudas publicouse para axudar a todas as empresas, comercios e establecementos hostaleiros que pasaron por momentos difíciles a causa da covid”, apuntou.

“Estas axudas creáronse para tratar de financiar os gastos de mantemento das actividades económicas de empresas e autónomos como pode ser o pagamento de facturas de alugueiro, luz, telefonía, combustible ou gas”, agregou a concelleira. CLAUDINA ESTÉVEZ

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.