O Correo da Área de Compostela

Encaran a recta final as obras da igrexa de Santa María de Lamas

Os labores, que para abril rematan, contan cunha inversión da Xunta de 100.000 €

  • 23 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A igrexa de Santa María de Lamas, no concello de Boqueixón, xa encara a recta final das obras de rehabilitación. Os traballos, que contan cun investimento da Xunta superior aos 110.000 euros, están a permitir que se solucionen os problemas de humidade que afectan a este templo situado ao pé da Vía da Prata, así como avaliar o estado de conservación das pinturas murais. Ata o lugar desprazouse o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante a fin de semana.

Está previsto que no vindeiro mes de abril queden rematados os traballos. Uns labores que inclúen tarefas de limpeza, un incremento da ventilación e un estudo das zonas onde existen pinturas murais. Concretamente, desde o inicio das obras os técnicos realizaron unha limpeza manual de toda a cuberta de tella, substituíndo pezas danadas e incrementando a ventilación baixo cuberta, fundamentalmente na zona de cúpula.

Así mesmo, completaron os remates de chumbo da fachada e demoleron, baixo control arqueolóxico, o pavimento de terrazo. Nesta última fase do proxecto estanse completando as actuacións de limpeza, pintura e carpintería. “Estes traballos enmárcanse no compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio rural de toda a comunidade e coa conservación do legado deste concello coruñés onde, ademais de impulsar estas obras, nos últimos anos tamén se contribuíu á conservación da capela de San Sebastián da Granxa ou de Ponte Ledesma, entre outros”, sinalan dende a Xunta. A igrexa de Santa María de Lamas é un monumento notable tanto polas súas dimensións como pola súa concepción arquitectónica. É de estilo barroco e nave de planta de cruz latina, construída no século XVIII. Destaca a súa capela maior e no cruceiro unha cúpula sobre cunchas remata o edificio. Tanto o teito abovedado da nave coma a cúpula do cruceiro están decorados con pinturas murais. As pinturas das bóvedas e a cúpula xunto á torre presentan unha tipoloxía repetida durante a primeira metade do século, baseada nos campanarios barrocos.

Na súa historia recente acometéronse unha serie de reformas que incluíron unha nova cubrición ou mesmo obras de substitución de cuberta e reparación de gretas. Para poder desenvolver os actuais traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Arquidiócese de Santiago de Compostela, asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e dos inmobles necesarios para a execución das actuacións en dito monumento.

Este proxecto de restauración foi licitado o pasado mes de setembro de 2020 e foron adxudicadas as obras en decembro do mesmo ano. Con esta iniciativa lograrase conservar en perfecto estado unha das grandes xoias do patrimonio boqueixanés.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.