O Correo da Área de Compostela

Grazas, Bugallo

  • 21 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Esta semana cúmprese un ano desde que o alcalde Sánchez Bugallo, puxo fin a case medio século de comunicación por transporte público entre un bo número de aldeas de Ames coa veciña cidade de Compostela. O día 23 de decembro de 2020 moitas persoas de idade esperaron en balde, baixo a chuvia e o frío, que chegase o P2, un autobús que xa nunca máis voltaría a circular entre Ortoño e a antiga estación de autobuses. A decisión unilateral do señor Bugallo eliminou dous de cada tres autobuses que comunicaban a cotío máis dunha ducia de lugares e máis de mil seiscentos habitantes coa súa cidade: xa só nos quedaba unha liña de minibús que viña de Estramundi, con moita menor frecuencia, e que nin tan sequera pasa por todas as aldeas ás que daba servizo a liña municipal. Estudantes, traballadoras, xente maior e non tan maior que iamos facer a compra... todos vímonos privados, da noite para a mañá, e sen previo aviso, desta liña de autobús municipal que viña prestando durante case cincuenta anos un servizo extendido a Ames, tramo cofinanciado pola Xunta. A desculpa do alcalde foi que a liña era “deficitaria”. Menos mal que a Xunta non aplica a mesma lóxica ca este rexedor “socialista” aos seus servizos, pois daquela habían pechar todos os hospitais públicos e as escolas, que tampouco dan beneficios, que eu saiba. Aínda que está por ver se ese déficit non o calcularía o Sr. Bugallo de maneira trampulleira a partir do número de viaxeiros no excepcional ano do confinamento... Parece bastante incoherente pola súa banda eliminar o transporte público que levaba unha clientela fiel facer compras ata a Praza de Abastos e outros puntos céntricos, e despois laiarse de que os peches perimetrais pola covid prexudicaban ós comercios de Compostela, ou pedirnos ás veciñas e veciños de Ames que fósemos ata alá facer cribados “polo ben de todos”, ou falar de “transicións enerxéticas” ou de “mobilidade sustentable” cando obrigou a moitos a depender de coche propio ou a que nos carrexasen amigos ou veciños, ou a facer combinacións insufribles e camiñar varios quilómetros á intemperie por pistas sen alumear. Esta semana celebraremos cunha procesión o cabodano da morte do bus de Ortoño, e habémonos lembrar moito de quen acabou con el.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.