O Correo da Área de Compostela
promoción Turismo da Deputación e os concellos polos que atravesa o río botan a andar unha campaña sobre o patrimonio da zona // Presentaron en Arzúa un vídeo que fai o percorrido do cauce fluvial ata a súa desembocadura. TEXTO S. E.

Impulso aos recursos culturais, turísticos e deportivos do Ulla

  • 10 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A área de Turismo da Deputación da Coruña xunto cos concellos polos que atravesa o río Ulla, botan a andar unha campaña para promocionar os recursos turísticos, en especial o seu patrimonio histórico, artístico, natural e deportivo. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, xunto con alcaldes dos concellos, participaron no acto de presentación do vídeo denominado Goza do Ulla que se desenvolveu na capela da Madanela do municipio coruñés de Arzúa.

Dos vinte concellos que están atravesados polo Ulla, nove forman parte da provincia da Coruña e iso quedou á vista onte na capela da Madalena, no acto de presentación do video promocional sobre o río no que, ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, José Luís García participaron o alcalde de Dodro, Xabier Castro; o rexedor de Touro, Ignacio Codesido; o seu homólogo de Vedra, Carlos Martínez Carrillo; o de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o de Santiso, Manuel Adán; a concelleira de Turismo de Arzúa, Begoña Balado, e a súa homóloga de Teo, María López.

Tanto desde a Deputación como desde os concellos participantes avanzaron que a campaña que agora poñen en marcha coa difusión do video e só un primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso.

DOCUMENTAL. Durante o acto os participantes asistiron a proxección do video Goza do Ulla” un produto con formato de documental no que dous mozos e unha moza seguen a pé o territorio que percorre o río, desde Antas de Ulla até a desembocadura en Vilagarcía de Arousa, pasando por vinte concellos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra dos que Santiso, Arzúa, Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Padrón, Dodro e Rianxo pertencen a terras coruñesas.

No percorrido, os tres camiñantes atoparanse un tesouro de recursos naturais, históricos ou deportivos que fan do cauce do Ulla unha oportunidade de promoción turística sostíbel do territorio, con numerosas rutas e posibilidades para gozar do tempo de lecer. Desta maneira, entre outros recursos da provincia que o guión do video destaca, están as brañas de Laíño en Dodro, a ruta das Tres Cruces en Rianxo, o Museo Vivinte do Mel en Portodemouros, concello de Arzúa, o muíño en funcionamento do concello de Touro, o Pico Sacro en Boqueixón, a Ponte Ximonde en Vedra ou a do Xirimbao en Teo ou o Mosteiro de Herbón, no concello de Padrón.

Ao longo da produción audiovisual, ofrécense numerosas posibilidades de roteiros á beira do Ulla e oportunidades de gozar do patrimonio natural e artístico ademais doutras iniciativas que se están a explotar, de maneira especial de carácter deportivo, que converten ao Ulla nun recurso de especial interese no ámbito do turismo, ocio e tempo libre.

Segundo explicaron desde a Deputación coruñesa, o vídeo está producido pola produtora Xurdir e dirixido por Manu Seoane e, a partir de agora, será unha ferramenta de promoción dos concellos que atravesa o río Ulla e do organismo provincial dentro da campaña de posta en valor do seu potencial turístico en todolos ámbitos.

Pola súa parte, o alcalde de Arzúa, José Luís García, agradeceu que o seu concello fora o elixido para a presentación do vídeo e afirmou que o Ulla é “un produto redondo porque ten de todo, gastronomía, paisaxe, patrimonio”. “Temos dúas opcións, ou actuar de maneira localista ou sacar rendabilidade a este produto turístico cun traballo conxunto e coordinado”, apuntou o alcalde de Arzúa que considerou tamén o vídeo como un punto de partida dun proxecto máis ambicioso”.

“É un paso dun proxecto máis ambicioso”
Presumir
{ cortina de humo}
do noso
Sol Elvira

¿cantas veces presumimos de ser grandes viaxeiros e coñecer as mellores capitais e monumentos do mundo e, nembargantes, apenas podemos describir ou narrar paisaxes e lendas que nos tocan de preto? Non estaría de máis que nestos tempos de illamento ou de confinamento adicaramos unha parte do noso tempo a facer turismo interior e descubrir as marabillas que esconde a nosa terra. Se fixeramos unha enquisa sorprenderíanos o gran número de galegos que pese a falar con orgullo da súa terra, da súa gastronomía, admiten non coñecer, ou mellor dito, non ter visitado moitos dos pobos, paisaxes e patrimonios do interior do país. Facer campaña turística na terra non estaría de máis para seguir presumindo do noso.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.