O Correo da Área de Compostela
Corenta e seis concellos benefícianse do novo fondo da Deputación da Coruña // As contías van destinadas a ampliar os servizos de axuda no fogar, conciliación ou apoio ás familias vulnerables // Poden reforzar persoal no eido asistencial TEXTO S. S.

Inxección de 8,2 millóns fronte ó efecto social da COVID en Área

  • 05 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o Fondo Social do Plan Único (POS+2021), que destina 13.8848.408 euros (deles, 8,2 millóns en 46 municipios do eido de Área de Compostela) a apoiar ós concellos da provincia no incremento do gasto social derivado da pandemia do coronavirus.

Ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), reforzo da plantilla de persoal nas áreas sociais, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, adquisición das EPI ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos desta crise son algúns dos programas municipais que contarán co apoio da Deputación a través deste novo fondo. O presidente de dita institución, Valentín González Formoso, destacou “a adaptación” do plan á situación actual “para dar resposta ás necesidades dos concellos e da cidadanía, reforzando os programas de protección social para non deixar a ninguén atrás na saída da crise”.

Ao igual que sucede cos fondos convencionais para obras e servizos do Plan Único, son os concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os recursos consignados deste novo POS Social.

Dos 14 millóns de euros, 6.063.766 € (un 43,8 %) irán destinados a reforzar os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), o que amosa a importancia que os concellos dan a este servizo fundamental de apoio a persoas maiores ou con discapacidade e a necesidade de fortalecer o persoal e medios cos que contan.

Tamén destacan os fondos do Plan Único para ampliar as partidas económicas consignadas para os programas de protección e axuda social (2.331.070 euros, un 16,8 %) e os destinados á contratación de persoal (1.678.772, un 12,12 %).

Os concellos da provincia destinarán ademais un 7 % dos fondos sociais do Plan Único (974.952 €) a crear ou incrementar os seus programas de axudas a familias en situación de especial vulnerabilidade ou con escasos recursos, un 6,44 % a adquisición das EPI e un 4,52 % a programas de conciliación e/ou respiro familiar. No investimento por comarcas, a de Compostela recibirá 4.188.063,21 € co seguinte reparto: Ames 306.290 €; Arzúa 208.731 €; A Baña 136.894 €; Boqueixón 125.584 €; Brión 139.555 €; Dodro 65.421 €; Frades 112.502 €; Melide 194.033 €; Negreira 175.689 €; Ordes 232.124 €; Oroso 142.710 €; Padrón 120.224 €; O Pino 165.464 €; Rois 134.642 €; Santa Comba 251.566 €; Teo 222.441 €; Tordoia 141.459 €; Touro 157.330 €; Trazo 126.980 €; Val do Dubra 138.633 € e Vedra 114.532 €.

A da Coruña-Betanzos recibe preto de 3 millóns; a de Ferrol Terra-Eume e Ortegal arredor de 2,7. Costa da Morte e Bergantiños 2.262.420 €: Cabana de Bergantiños 133.157 €; Camariñas 99.193 €; Carballo 384.932 €; Cee 120.509 €; Corcubión 40.291 €; Coristanco 183.201 €; Dumbría 138.314 €; Fisterra 77.330 €; Laracha 202.834 €; Laxe 77.333 €; Malpica 113.485 €; Muxía 157.126 €; Vimianzo 215.803 € e Zas 170.780 €.

O Barbanza repártese 1.750.486 €: Boiro 218.033 €; Carnota 103.356 €; Lousame 116.065 €; Mazaricos 193.584 €; Muros 139.953 €; Noia 150.375 €; Outes 146.666 €; A Pobra 113.479 €; O Son 162.801 €; Rianxo 144.008 € e Ribeira 262.161 €.

comarcas@elcorreogallego.es

a protagonista
“Ribeira subirá a un millón de euros o gasto”
Ana Ruiz Reiriz
Concelleira de Servizos Sociais de Ribeira

A concelleira de Servizos Sociais de Ribeira, Ana Ruiz Reiriz, sinalou que a axuda de 262.161 euros que recibirá o Concello da Deputación coruñesa a través do novo Fondo Social do Plan Único “vai ser dedicada a ampliar a atención no domicilio a persoas dependentes, o cal vai posibilitar que practicamente un millón de euros vaian destinados a este servizo tan importante para satisfacer as necesidades dos nosos maiores”. Neste sentido, explicou que a administración local poderá alcanzar tan elevada cifra de investimento nese eido sumando esta asignación correspondente ao POS Social á partida orzamentaria municipal, aos ingresos por prezo público e ás aportacións procedentes da Xunta de Galicia”.

Na súa opinión, “para a área de Servizos Sociais a atención a persoas dependentes é unha prioridade, así como a dinamización da vida das persoas maiores a través da súa participación en actividades socioculturais, mesmo a pesar da pandemia derivada do coronavirus, a través de iniciativas como por exemplo os talleres de memoria, nos que as clases presenciais tiveron que ser substituídas por actividades para facer na casa polos usuarios e usuarias”. A maquinaria do departamento non se detivo.

{ a letra pequena }
Un esforzo transversal
Suso Souto

A LOITA titánica na que estamos inmersos para facer fronte ás consecuencias sanitarias, económicas e sociais da pandemia do coronavirus debe ser transversal para que ninguén quede atrás. E, máis que en ningunha outra crise, require da implicación económica de todas as administracións. A Deputación da Coruña volve demostrar co novo Plan Social un compromiso que se plasma nos seus orzamentos para 2021, ao incrementar a partida da área social de 11,8 a 27,4 millóns de euros (un 137 % máis que no pasado exercicio). Cabe destacar que a Deputación incrementou tamén este ano ata 8 millóns de euros o orzamento do programa que financian os SAF coruñeses, o que permitirá sufragar máis de 300.000 horas nese servizo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.