O Correo da Área de Compostela

Novos avances na elaboración do regulamento de terrazas amesáns

Onte celebrouse un encontro no salón de plenos da Casa do Concello para falar das novidades // Das 70 propostas de cambio presentadas anteriormente por hostaleiros e por parte do grupo municipal popular, o 60% foron aprobadas

  • 01 oct 2020 / 16:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Ames. Este mércores, 30 de setembro, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, para avanzar na elaboración do regulamento de terrazas e elementos comerciais. Neste encontro participaron membros do Goberno municipal, representantes da Asociación de hostalería de Santiago de Compostela e comarca, representantes da hostalería de Bertamiráns e do Milladoiro, así como membros da Xuntanza de Empresarios de Ames. Tras un período para presentar achegas ao borrador do regulamento de terrazas e elementos comerciais, presentáronse 70 solicitudes de cambio, das cales o 60% foron aceptadas. Nesta xuntanza foron abordándose todas as solicitudes de cambio que se achegaron e explicando o motivo da súa aceptación ou denegación. Tanto os membros do Goberno municipal como os representantes do sector hostaleiro saíron satisfeitos da reunión.

O Concello de Ames avanza na elaboración do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. É a primeira vez que se acomete a elaboración dun regulamento para terrazas xa que, ata o momento, só existía a ordenanza fiscal. A elaboración deste regulamento vai parello á modificación da ordenanza fiscal que foi derogada este ano polo Goberno municipal como medida de alivio económico ante a situación económica provocada pola Covid-19.

A partir de agora os representantes do sector hostaleiro van a estudar o novo documento e terán a oportunidade de presentar novas achegas durante o período de exposición pública que se vai abrir antes de que sexa levado a pleno para aprobalo se procede. A idea do Goberno municipal é debater este asunto no pleno ordinario de novembro. Tamén terá que ser debatida a modificación da ordenanza fiscal que regula o pago de taxas por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Posteriormente, se fose aprobado en pleno, haberá que expoñer o documento durante 30 días, polo que os representantes do sector hostaleiro disporán de dous períodos para poder achegar alegacións sobre o documento e ir avanzando na súa elaboración de cara a pechalo co máximo consenso posible.

PRINCIPAIS OBXECTIVOS DO NOVO REGULAMENTO. O obxectivo principal do novo regulamento céntrase en ordenar e sistematizar o réxime xurídico dos aproveitamentos especiais con terrazas vinculadas a establecementos de hostalaría e restauración e situacións asimiladas, así como o das autorizacións que para estes mesmos fins –e cando as condicións de beirarrúas, prazas e elementos análogos na vía pública non permiten compatibilizar os usos– se permiten instalar na calzada das vías públicas urbanas.

Outros obxectivos son a mellora da calidade urbana, a actualización das licenzas e autorizacións e dar cumprimento á nova normativa en accesibilidade para unha ordenada convivencia entre estes espazos e a boa circulación dos viandantes polo espazo público.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que este novo regulamento “permitirá ordenar o crecemento comercial destes últimos anos á vez que harmonizar a imaxe xeral das terrazas que se atopan no noso concello. Desde o goberno quixemos tamén mellorar a ocupación do espazo público con novos espazos e formatos. A idea do Goberno municipal é elaborar este primeiro regulamento co máximo consenso posible por parte dos representantes do sector hostaleiro, pero tamén tendo en conta os intereses da veciñanza de Ames”.

NOVIDADES. Entre as novidades que inclúe o novo regulamento destacan a regulación da ocupación de postos na rúa como floristarías ou froitarías; a instalación en prazas de aparcamento regulando o uso e características do mobiliario; o peche de terrazas en función do sistema e dimensións; a adecuación ao cumprimento de accesibilidade coa separación de 1,5 metros das fachadas; a regulación dos horarios por acordo plenario; a inclusión do sistema de sancións, así como os procedementos e formularios para as solicitudes; ou a regulación da ocupación e uso da rúa na fronte e lindeiro. Asemade, incorpórase toda a normativa necesaria, unifícanse os elementos das terrazas (taboleiros e materiais) e faise referencia á ordenanza nas posibilidades de solicitudes en verán e inverno.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.