O Correo da Área de Compostela

Quico Valeiras gaña o premio de poesía Lorenzo Baleirón

O seu traballo foi elixido por unanimidade // Destacan do poemario ‘Urda’ a aparición dunha voz “que procura espazos pouco transitados”

  • 22 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O xurado do premio de poesía Eusebio Lorenzo Valeirón, que convoca anualmente o Concello de Dodro, elixiu por unanimidade gañador da XXXIII edición a Francisco Valeiras González, Quico, polo seu poemario Urda. O fallo foi dado a coñecer onte trala reunión do organismo evaluador na casa da cultura.

No seu ditame, o xurado destaca da obra a aparición dunha voz que procura espazos aínda pouco transitados na nosa literatura, singularmente no territorio do pensamento. Trátase dunha voz, suliñan, “que bota man da hibridación de discursos e que se revela, tanto na asunción das poéticas últimas, como na presenza de múltiples voces, facendo patente un amplo universo discursivo”.

O gañador da presente edición, Francisco Valerias (O Carballiño 1990), máis coñecido como Quico, é poeta e libreiro e rexenta a libraría Chan da Pólvora en Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 74). É autor das seguintes obras: O tempo da Cireixa (Edicións Positivas, 2019) e O Elo (Urutau, 2020), concebida xunto a Emma Pedreira. No ano 2019 tamén participou na antoloxía Arrincando marcos 2019. Como gañador do XXXIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón Quico recibirá 2.500 euros e tamén verá publicada a súa obra.

Coordinado nesta edición por Elvira Ribeiro Tobío, o xurado estivo composto por Ana Belén Salgado Domínguez, Antón Blanco Casás, Míriam Ferradáns Ferradás, Iolanda Pérez Zúñiga presidido por Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde do Concello de Dodro, e actuando como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.

Indicar que tras a elección da obra premiada os membros do organismo deliberador, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, e Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio, renderon un sentido tributo poético e realizaron unha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.