O Correo da Área de Compostela

Sergude terá nova estación depuradora en doce meses

A Consellería adxudicou as obras por 1,6 millóns de euros coa fin de mellorar no núcleo boqueixanés o saneamento

  • 12 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de execución da nova estación depuradora de augas residuais de Sergude, no municpio de Boqueixón. Este contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L. por un importe próximo aos 1,67 millóns de euros. Os traballos, segundo confirman dende o Goberno galego, contan cun prazo de execución de 12 meses, polo que estarían rematadas en febreiro de 2022.

A intervención ten por obxectivo mellorar as infraestruturas de saneamento nos núcleos de Sergude e Lestedo e unificar o tratamento das súas augas, xa que a capacidade de tratamento das augas residuais da depuradora existente, deseñada para 1.000 habitantes equivalentes, resulta insuficiente. Aténdese así unha importante demanda do Concello, que repercutirá no benestar da veciñanza.

Os labores consistirán na execución da estación depuradora de augas residuais en Sergude e colectores, unha nova planta deseñada para 3.000 habitantes equivalentes, o que permitirá triplicar a capacidade da actual. A nova situarase xunto á xa existente e, mentres se acometen as obras, a actual estación de tratamento permanecerá en servizo. A renovada depuradora incluirá os seguintes procesos: liña de auga, liña de fangos e redes auxiliares de proceso.

A actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Boqueixón, sendo o organismo autonómico Augas de Galicia o que se encargue de achegar a maior parte do financiamento e de contratar e executar os traballos. Á entidade local correspóndelle o confinanciamento da actuación, así como a xestión dos terreos para a futura planta de tratamento de augas residuais e a asunción da súa conservación e explotación unha vez rematados os labores.

As actuacións contan co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014- 2020.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.