O Correo da Área de Compostela

Traballo e teito ca TVG e o mazaricán Manuel González para a familia de María Hernández

A punto de ser desafiuzada e cunha filla con discapacidade, acadou o apoio dese xalleiro cuxa fábrica ardeu estes días

  • 24 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Xallas. O programa da TVG Quen anda aí? volveu a espertar o lado máis solidario dos galegos, acadando a implicación dun veciño de Mazaricos, Manuel González, para conseguirlle traballo e teito á familia de María Hernández, a punto de ser desafiuzada da vivenda de Arteixo na que vive coas súas fillas pequenas. O empresario xalleiro, cuxa empresa cárnica sufriu recentemente un lume, comprometeuse a axudar.

Deste xeito, o equipo do Quen anda aí?, con Marcial Mouzo e Rodrigo Vázquez á cabeza, e tras coñecer os difíciles momentos económicos e vitais que atravesa esa familia, quixo axudar a cambiarlle a vida facendo un chamamento á solidariedade desde o programa. Por mor de anos de inestabilidade laboral, María, a matriarca da familia Hernández Salazar, e a súa filla Mila contaron no estudio o seu crítico estado, xa que ían ser desafiuzados da vivenda en que estaban alugados e, nese caso, engadirían o risco de perder a custodia das súas dúas fillas pequenas, de catro e doce anos, esta última cunha discapacidade.

Desde o espazo deron un paso máis, e fixeron un chamamento á audiencia para conseguirlles unha vivenda de alugueiro, pero tamén un traballo para que puideran ter independencia económica e refacer así a súa vida. Tal e como contou Rodrigo, “respondemos á vontade de servizo público. O mundo non o imos cambiar, pero se podemos axudar unha familia a que saia adiante pois moito mellor. Puxemos a intención de axudar, e o público, ademais de ser fiel, é bondadoso”. Desde o programa, como comenta o presentador, “ademais de acompañar a xente no máis duro da pandemia, levamos a cabo distintas iniciativas, coma unha camiñada solidaria para recadar axuda para o Banco de Alimentos ou concienciar a xente máis nova ante o coronavirus grazas á colaboración de artistas” e, neste caso, estar coa xente que o pasa mal.

O xesto solidario chegou cara ao final da edición do pasado xoves, cando Manuel González, emigrante retornado e propietario dunha industria cárnica, que sufriu un importante sinistro esta mesma semana, conmovido pola situación desta familia, púxose en contacto en directo co programa para botarlles unha man, ofrecéndolles un traballo e, incluso, mediar para conseguirlles unha vivenda. m. outeiro

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.