O Correo de A Costa da Morte

Adxudicadas as obras de ampliación da estrada de Hospital a Brens

Comunica as factorías de Xeal de Dumbría e Cee // Os traballos comezarán na primavera

  • 03 mar 2021 / 19:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 826.753,36 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada DP-2302 de Hospital a Brens, no Concello de Dumbría. A sede da institución provincial acolle mañá a sinatura do contrato, que ten un prazo de execución de seis meses.

A este orzamento hai que sumar os 94.154,67 euros destinados ás expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras e alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, que subliñou a importancia dun vial que conecta as factorías de Xeal en Cee e Dumbría e o porto de Brens.

As obras comezarán a executarse esta mesma primavera na DP-2302, que une os núcleos de Hospital e Brens, entre os puntos quilométricos 2+100 e 5+890. Consisten na mellora da estrada, aumentando a sección actual e dotándoa de dous carrís de circulación con 3 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros.

Pequeño explicou que o proxecto inclúe tamén melloras no trazado do vial, modificando catro interseccións perigosas, suavizado diversas curvas e executando novos de carrís de espera e cuñas para facilitar as incorporación e mellorar a visibilidade, o que suporá importantes melloras na seguridade vial.

Ademais, as obras inclúen a renovación total do firme e da sinalización en todo o tramo, de case 4 quilómetros de lonxitude. O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de seguridade viaria na zona, garantindo a coexistencia de peóns e automóbiles e mellorando a funcionalidade en certos tramos da estrada.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.