O Correo de A Costa da Morte

Ainhoa Conde presenta o sábado en Cee o seu primeiro libro: ‘Devotos do destino’

  • 15 jun 2022 / 20:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A escritora ceense Ainhoa Conde presentará o sábado, día 18 ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Cee o seu primeiro libro: Devotos do destino. O acto estará presidido pola alcaldesa, Margarita Lamela, e complementarase cun espectáculo de imaxe, son, música en directo e historias relatadas dende unha perspectiva innovadora e orixinal, na que haberá pequenos detalles para os asistentes, xunto coa firma dos exemplares.

Devotos do destino é unha obra que representa unha amalgama de narrativa lírica, música, navegación, metafísica, reflexión interna e sentimentos por Galicia e mailo océano, cun ritmo áxil coma a viaxe dunhas ondas cara á praia, e profundidade coma o intervalo entre mareas.

Os fragmentos, baseados practicamente na súa totalidade, en vivencias persoais da autora, reflicten 66 historias de amor e desalento, loita, sacrificio, ledicia e morriña. Preséntanse en forma de cancións que marcaron a traxectoria da escritora dende o ano 2017 ata a actualidade, adoptando a disposición dunha melodía infinita que compón a banda sonora do seu andar.

Ainhoa Conde (Cee, 1997), defínese como “galega” e “poeta de contrabando”. Graduada en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo, comezou a súa traxectoria literaria aos doce anos, logo de ser galardoada en múltiples ocasións en concursos locais de poesía e relato curto. Gañadora con apenas 13 anos do Certame de Novos Talentos de Coca-Cola a nivel galego, do X Certame de Relato Breve de Feiraco, entre outros. Tamén conta con congratulacións a nivel fotográfico, coma no Concurso EnfocAmes 2021 e 2022. Forma parte dos colectivos Nova Poesía Guitirica e Asturias, Capital Mundial de la Poesía. Obtivo ademais o Premio á Excelencia Académica universitaria e ten un obre mestrado en Organización de Eventos e Wedding Planner.

Esta inspectora de Seguridade Marítima, que traballa actualmente na Dirección General de la Marina Mercante, amante do océano e da Costa da Morte, presenta unha renovada perspectiva da narrativa lírica, mesturando diversas artes sobre o lenzo da palabra dun xeito que, de seguro, non deixará a ningún lector indiferente.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.