O Correo de A Costa da Morte

Camariñas reforza as accións de loita contra as drogas

Pediu apoio á Subdelegación do Goberno // A Garda Civil aumentará a súa presenza na vila

  • 19 ene 2021 / 16:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A preocupación da cidadanía e certas informacións difundidas nos últimos días levaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, a demandar o apoio da Subdelegación do Goberno para facer fronte ao problema de consumo e venda de drogas no municipio.

Onte mantivo unha xuntanza telemática coa subdelegada, Pilar López-Rioboo, e co xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, o coronel Francisco Javier Jambrina, na que acordaron reforzar a presenza das forzas do orde en Camariñas para “constatar estes datos e, se é así, erradicar os delitos de droga e acabar cos puntos de tráfico de estupefacientes”, sinalan dende o concello.

A rexedora asegura que en ningún informe previo da Garda Civil e tampouco nos datos que lles trasladaron na reunión que mantiveran en decembro “se reflicten os puntos de venda que se fixeron públicos nos medios de comunicación e que tamén coinciden co sentir do pobo, polo que cremos que é necesario que se investigue”.

Dende o Concello tamén se comprometen a levar a cabo actuacións disuasorias, como a instalación de puntos de luz naqueles lugares que se identifiquen como propicios para o tráfico de drogas.

Por outra banda, Sandra Ínsua trasladou á subdelegada do Goberno a intención do Concello de estudar varias posibilidades para tentar de reactivar cunha subención municipal a desaparecida asociación Abondou que, durante décadas, realizou unha gran labor no municipio na loita contra o tráfico de drogas e tamén no eido da prevención dende a escola e na asistencia ás persoas con problemas de drogodependencia. O colectivo cesou na súa actividade en 2016.

A alcaldesa asegura que “sería unha gran nova que nos permitirá traballar unidos entre a sociedade, a administración local e as forzas de seguridade, xa que este é un problema moi complexo no que debemos involucrarnos todos”. Dende a Garda Civil recoñecen tamén que esta é unha “lacra difícil de erradicar se non se actúa desde a raíz e na solución deben involucrarse todas as administracións”, engaden.

Coa fin de avanzar no ámbito da prevención, a Benemérita organizará proximamente charlas formativas nos centros educativos para concienciar desta lacra aos máis novos da casa. A rexedora agradece “a predisposición inmediata que ten sempre a subdelegada para atender as nosas demandas”.

Hai que lembrar que, anos atrás, a Costa da Morte contaba con tres activas asociacións de loita contra as drogas e de apoio aos drogodependentes, das que hoxe só permanece activa, e facendo unha gran labor, Vieiro, en Carballo. Tanto os colectivos Retorno, de Cee, como Abondou, de Camariñas, desapareceron por falta de relevo nas súas xuntas directivas.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.