O Correo de A Costa da Morte

Cee reclamará á Igrexa a devolución do aval do convenio urbanístico

O Consello Consultivo considera que é nulo pola ausencia de tramitación municipal // Apoia así a proposta do goberno local que preside Margarita Lamela

  • 16 ene 2021 / 20:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Cee. O Consello Consultivo de Galicia dá a razón ao goberno municipal de Cee, que preside Margarita Lamela (PSOE), e considera nulo o convenio urbanístico asinado no ano 2002 entre o entón alcalde, Antonio Domínguez, e o Arcebispado de Santiago, polo que a Igrexa cedía ao Concello un terreo para a construción do polideportivo de Brens a cambio da recalificación doutros terreos.

O convenio supuxo que o Concello tivese que aboar o pasado mes de decembro 153.402,33 €, para cumprir a execución “dun inaudito aval incluido entre as claúsulas do acordo, que agora o Consultivo considera que contén un vicio de nulidade radical, xa que se prescindiu absolutamente do procedemento establecido na súa tramitación”, afirma a rexedora.

Expresou a súa satifacción polo dictame “que avala a tese dos técnicos municipais e o traballo ben feito como alcaldesa, ao primar os intereses dos veciños e veciñas fronte aos partidistas dalgúns membros da oposición”. Lembra que ante a súa defensa da legalidade, Antonio Domínguez (PP) e Serxio Domínguez (BNG) falaban de “chantaxe da rexedora”.

Tal e como sosteñen os informes xurídicos “resulta inaudito que un Concello garanta cun aval bancario o cumprimento do convenio e legalmente non se poden recalificar máis terreos que dos que xa se recalificaron: arredor de 3.000 metros cadrados”, apunta Lamela.

Anunciou que van pedir ao Arcebispado a devolución dos fondos “e esperamos que o dictame supoña a solución definitiva e o punto final a un problema que vimos arrastrando durante dúas décadas e que supuxo un custe moi importante para as arcas municipais, xa que ademáis deses 153.000 euros, o Concello vén pagando arredor de 3.000 euros cada ano por gastos derivados de renovar ese aval”, engadiu.

O Consello Consultivo afirma no seu dictame que “a ausencia de tramitación municipal previa á aprobación dun convenio urbanístico constitúe un vicio de nulidade radical”, e acredita que “o acordo plenario de referencia non foi precedido de informe nin de tramitación oportuna”, senón que se limitou “a unha proposta de convenio redactado polo arquitecto e achegado polo Arcebispado de Santiago de Compostela”.

O dictame sostén tamén que esta falta de tramitación “non pode ser suplida polas actuacións administrativas vinculadas ao anterior convenio do ano 2001”, xa que “o acordo de 2002 constitúe unha situación xurídica autónoma, con prescricións específicas que esixían, en todo caso, unha tramitación e valoración polos servizos técnicos que foi completamente omitida”.

Un problema arrastrado durante dúas décadas

Margarita Lamela lembra que no ano 2001, o entón alcalde de Cee, Antonio Domínguez, asinou un convenio co Arcebispado de Santiago polo que a Igrexa cedía un terreo de 3.740 m2 para a construción do polideportivo de Brens a cambio da recalificación de máis de 3.600 m2 cadrados da parcela restante en solares.

Aínda que se tramitou a recalificación autorizada pola Xunta de Galicia, o arcebispado considerou que o convenio non estaba cumprido, xa que requerían a recalificación de 1.000 metros cadrados máis. “Sen solicitar ningún informe técnico, Domínguez accede ás pretensións do arcebispado e asina un segundo convenio en 2002, que ademáis inclúe un aval bancario a favor da Igrexa por 153.000 euros se o acordo non se cumpría na súa totalidade”, afirma a rexedora.

Durante case dúas décadas foise prorrogando o convenio e o aval bancario, sen que ningún goberno municipal buscara unha solución xurídica ao problema. Cada un destes anos, o Concello de Cee pagou arredor de 3.000 euros por gastos derivados de renovar o aval.

Tras a chegada á alcaldía de Margarita Lamela en 2019, o arcebispado comunicou ao Concello que non renovaría o convenio e ofreceu un prazo de un ano antes de proceder á execución do aval. Nese tempo, a alcaldesa encargou infomes técnicos e xurídicos que conclúen que o contido do convenio asinado no 2002 é imposible de cumprir e procede a iniciar o procedemento de revisión de oficio do asinado no ano 2002.

Con data 13 de xaneiro de 2021 a Sección de Ditamenes do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade do seus membros, ditaminou favorablemente a proposta de resolución de declaración de nulidade do referido convenio urbanístico, que fora aprobada previamente polo pleno ceense o día 30 de novembro cos votos a favor do goberno (PSOE) e a abstención da oposición (IxCee, PP, BNG e Cs).

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.