O Correo de A Costa da Morte

Chegan os primeiros polbos ás lonxas da Costa da Morte tras dous meses de veda

Haberá que esperar para saber se hai recurso // En Corcubión cotizouse entre 9 e 11 €/kg

  • 05 jul 2021 / 18:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este luns comezou unha nova campaña extractiva do polbo, tras algo máis de dous meses de veda, e os primeiros cefalópodos da tempada xa chegaron ás lonxas da Costa da Morte, aínda que moi pouca cantidade como é habitual na primeira xornada. O mal tempo e o feito de que moitas das embarcacións aínda non cambiaron de arte e mantéñense adicadas a outras pesquerías, fixeron que nas poxas houbese poucos cefalópodos.

En Corcubión, un dos portos especializados no polbo, poxaron uns 200 quilos, que se cotizaron entre 9 e 11 €/Kg. Pola súa banda, á rula de Malpica tan só chegaron 80 quilos e á de Fisterra pouco máis de 30. “Hai que esperar aos vindeiros días”, afirmou o patrón maior fisterrán, Manuel Martínez Escarís.

O seu homólogo malpicán, Pedro Pérez, sinalou que “hoxe aínda foron tirar as nasas”. O normal, engadiu, “é que nos primeiros quince días haxa capturas pero iso non é significativo, o que de verdade nos dirá se hai ou non recurso e á partir dos quince seguintes”. No porto malpicán xa cambiaron de arte uns catro barcos e outras tantas chalanas, pero o resto “seguen cos miños ou van á nécora”.

Hai que lembrar que a veda da nécora levantouse o pasado xoves, día 1 de xullo, e é tamén unha das especies máis cotizadas. O patrón maior de Malpica asegura que “non é que haxa moita cantidade, pero é un produto de calidade”. Así, nestes primeiros días na lonxa malpicana a cotización situouse entre os 10 e os 30 euros por quilo, en función do tamaño.

Aínda que o verán non é o mellor tempo para a pesca do polbo, si é unha das tempadas de maior demanda debido ao auxe do turismo. O sector agarda con impaciencia a evolución das capturas nos vindeiros días, e espera que a campaña que agora comeza mellore a pasada, que foi unha das peores dos últimos anos, debido á escaseza.

Ata finais de agosto o límite máximo de capturas é de 210 kg/día por barco
Incrementarase ata os 350 durante o resto da campaña, que acabará na primavera de 2022

Corcubión. O plan de extracción do polbo acordado pola Consellería do Mar e o sector permanecerá vixente ata que se publique o do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece, do 5 de xullo ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle outros trinta ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos diarios.

No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.

En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas excepcións da zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira, onde as que estean en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde poderán seguir caladas con independencia da profundidade. m. l.

Tema marcado como favorito