O Correo de A Costa da Morte
LITERATURA. A escritora ceense vén de publicar dous novos libros // No poemario ‘Feminino singular, en plural’ dá visibilidade a unha ducia de protagonistas e alerta da desigualdade // Noutro rende homenaxe aos oficios tradicionais TEXTO J. M. Ramos

Concha Blanco loa ás mulleres loitadoras a través da poesía

  • 18 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A escritora ceense Concha Blanco suma e segue. Nas últimas semanas vén de engadir á súa longa e premiada obra literaria dous novos libros: Feminino singular, en plural e Oficios e profesións poemas son. Dous poemarios dirixidos ao público infantil e xuvenil nos que, ademais de convidar aos máis novos a ler e aprender, reivindica o papel de destacadas mulleres e tamén os valores de oficios tradicionais.

Feminino singular, en plural, publicado por Baía Edicións e ilustrado por Laura Romero, inclúe doce poemas que son o froito dun traballo de investigación sobre a vida e obra de once destacadas mulleres galegas “loitadoras, solidarias, intelexentes e valentes”, segundo destaca a autora. A cada unha delas adica un “poema biográfico”, que complementou con outro (o número 12) adicado “ás viúvas dos emigrantes”, esas mulleres que nos anos 50 e 60 viron fragmentadas as súas familias cando os seus homes se viron obrigados a emigrar.

Concha Blanco quixo crear así un libro de “xustiza poética”, dándolle visibilidade ás mulleres que loitaron individualmente e con moitos atrancos pola súa colectividade “e que, polo feito de ser muller, eran consideradas como seres inferiores”.

Un poemario que ten ademais outros dous protagonistas: Sabela e Roi, dous preadolescentes que aparecen entre poema e poema, e que ao ser os primeiros lectores do libro, van comentando o que neles se relata “poñendo de relevo o tema da desigualdade, e sinalando que por ese camiño non imos a ningures”, sinala a escritora ceense.

A obra, a petición da propia editorial, complementarase cunha guía didáctica que estará dispoñible en formato dixital, para que os escolares poidan afondar nas mensaxes que Concha Blanco transmite coas súas poesías a través de contidos transversais nas aulas.

Pola súa banda, o libro Oficios e profesións poemas son (Edicións Embora) está estruturado tamén sobre versos xurdidos dun labor de investigación de dezaséis oficios “que non están ben recoñecidos ou que se poden perder”, afirma a escritora, quen pretende así renderlles homenaxe e “valorizar a súa importancia social”. Canteiros, oleiros, afiadores, menciñeiros, cesteiros, palilleiras ou percebeiros son algúns do protagonistas da obra, que inclúe un amplo repertorio de vocabulario de cada profesión, e tamén nomes propios como o do percebeiro e poeta malpicán, Paco Souto, que faleceu en 2017 exercendo o seu oficio.

Ademais, todos os poemas van acompañados, a modo de introducción, de adiviñas, refráns e outras formas de literatura popular, que complementan así o relato poético.

Sesión maxistral. Ademais de seguir dándolle forma a novas obras, Concha Blanco ofrecerá unha sesión maxistral en Cee no marco do obradoiro de creación literaria Ás de papel, que dirixe a súa filla, María Canosa, que é tamén unha prolífica creadora literaria.

Trátase dunha iniciativa promovida por la Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Cee e o patrocinio da Deputación da Coruña, que se vén desenvolvendo desde o pasado día 5 na casa da cultura ceense. As próximas sesións serán o 26 de setembro, 3, 7 e 12 de outubro e o 7 de novembro. Nelas abordan diferentes xéneros literarios e contidos.

LER CONTA MOITO. Paralelamente, María Canosa está a participar tamén no programa Ler Conta Moito, e ao longo deste mes e o de outubro visitará os concellos de Carral, Rodeiro, Oleiros e Boiro, nos que presentará diversas actividades orientadas ao fomento da lectura.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.