O Correo de A Costa da Morte

Convidan a descubrir a pé todos os recunchos do concello vimiancés

Programadas cinco andainas de outono que comenzarán o día 17 no Vieiro Fidalgo

  • 10 oct 2020 / 13:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Vimianzo. O Concello de Vimianzo vén de presentar Recunchos, outono 2020, un programa de cinco andainas que pretende poñer en valor o patrimonio natural e arquitectónico do municipio.

A primeira cita é o vindeiro sábado, día 17, cun percorrido polo Vieiro Fidalgo, de 9 quilómetros, que conecta Berdoias e Boallo e que permitirá aos participantes contemplar o interesante patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico da zona. Entre outros elementos, visitarán o dolmen da casota de Freán e os petróglifos do Pedrouzo.

O día 24 terá lugar a segunda andaina, que discorrerá entre Vimianzo e Castrobuxán. Un percorrido de 14 quilómetros que conducirá aos camiñantes polos lugares de Casais, Urroa, Calo e Castrobuxán. Visitarán a antiga escola de Calo na que foi mestra Elisa, a muller de Marcela, que formaron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, aló polo 1901.

Á semana seguinte, o día 31, haberá unha ruta circular por Bamiro, dunha lonxitude de 14,5 quilómetros. Durante a mesma poderán contemplarse os lugares máis emblemáticos da parroquia e a contorna do río Grande ao seu paso pola Piroga e Baio.

Xa en novembro, o día 7, celebrarase a andaina polos segredos do val de Vimianzo, tamén de 14 quilómetros. Nesta ocasión contarase cun convidado de excepción: o mozo David Roget, quen recentemente descubriu petróglifos que decoran o val soneirán.

O ciclo rematará o día 8 de novembro coa ruta Os penedos: #moitomáisquepedras, de 8 quilómetros, que discorre pola paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela, na que se poden ver obras de arte esculpidas polo paso do tempo e a forza da natureza.

En cada roteiro poderán participar un máximo de 24 persoas por guía, e será obrigatorio o uso de máscara. As inscricións poden formalizarse na web do Concello de Vimianzo, e a hora de partida é ás 10.00 da mañá.

Recomendan levar roupa cómoda, así como calzado axeitado e paraugas no caso de chuvia. Tamén é aconsellable equiparse con bastóns de sendeirismo e cunha mochila con comida e bebida.

Son rutas de dificultade media-baixa e non existe idade límite para inscribirse. Os participantes deberán manter a distancia de seguridade e evitar o contacto físico. J. L.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.