O Correo de A Costa da Morte

Convocadas concentracións de protesta contra o ERTE de Xeal que se activará o xoves

Foron acordadas polo comité de empresa e os traballadores das fábricas de Cee e Dumbría // Solicitarán reunións coa Xunta

  • 18 sep 2020 / 17:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O comité de empresa de Xallas Electricidad y Aleaciones (XEAL) acordou onte convocar un calendario de mobilizacións en resposta á decisión da empresa de activar o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) a partir do 24 de setembro.

Comezarán o luns, día 21, cunha concentración diante da fábrica de Brens (Cee), ás 14.15 horas, e continuarán o mércores diante do concello ceense (19.00 horas). O xoves, día 24, coincidindo coa posta en marcha do ERTE, os traballadores concentraránse nas centrais hidroeléctricas que xestiona a empresa, a partir das 19.00 horas.

Ademais, o comité vén de solicitar reunións coas consellerías de Economía e Industria e a de Emprego e Igualdade “para abordar a crítica situación das fábricas de Cee e Dumbría, e esixir unha intervención inmediata da Xunta que pasa, inevitablemente, por esixirlle á empresa que presente o plan de viabilidade ao que obrigan as concesións das centrais e, de ser preciso, que actúe sobre as mesmas procedendo á recuperación dos dereitos de explotación de Xeal”, aseguran.

Os acordos do comité foron ratificados polas asambleas de traballadores das dúas factorías. Denuncian que a dirección de Xeal “está a aproveitar a situación de emerxencia sanitaria e un ERTE que foi negociado hai máis de ano e medio con outra empresa e outra representación legal para manter o peche dos fornos e recortar aínda máis a produción, compromentendo así a viabilidade das fábricas e dos postos de traballo”.

Dende a compañía xustifican a necesidade de activar o ERTE pola caída da demanda e a baixada de prezos, que se viron agravadas pola pandemia da covid-19. Non obstante, dende o comité de empresa aseguran que “mentres o mercado das ferroaliaxes baixou un 30 %, a actividade das fábricas de Cee e Dumbría baixou un 90 % e só están operativos dous fornos a mínima potencia”, sinalan.

Lembran que dende o primeiro momento veñen denunciando “a fraude” da operación de venda de Ferroatlántica a TPG, porque entenden que “só busca segregar a actividade das plantas de ferroaliaxes das centrais hidroeléctricas”.

Por iso, piden á Xunta que obrigue á empresa a presentan un plan de viabilidade “que contemple un calendario de rearranque dos fornos e as inversións necesarias para garantir o futuro das fábricas e dos empregos”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.