O Correo de A Costa da Morte

Doce espectáculos de teatro, música, danza e circo para animar o inverno en Vimianzo

  • 18 ene 2023 / 10:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Vimianzo amenizará o inverno con 12 espectáculos de teatro, música, danza e circo para o público adulto, que se desenvolverán de xaneiro a maio no auditorio municipal.

O inicio da programación está previsto para o último sábado deste mes de xaneiro, día 28, co espectáculo Flores de España da compañía nacional Los Sueños de Fausto. Aborda diferentes temáticas relacionadas coa memoria histórica, a posguerra, os bebés roubados durante a ditadura ou a entrada á democracia.

O 4 de febreiro Caxoto aterrará en Vimianzo con Don Carnal. Contos Desvergoñados que levará ao público a un tempo pasado onde se conxugaban mellor conceptos como luxuria, esmorga ou blasfemia.

O seguinte sábado, día 11, o auditorio municipal encherase de música tradicional grazas á Foliada do Río Grande organizada polos grupos Foliada de Salto e Airiños do Río Grande de Pasarela.

A lonxeva compañía galega Teatro do Noroestre presentará o día 25 o espectáculo Último verán en Santa Cristina. A peza de teatro político, e con pinceladas autobiográficas, está firmada polo dramaturgo Eduardo Alonso e ambiéntase nos anos 60. Aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que vive a súa infancia na España franquista.

Xa no mes de marzo, e para conmemorar o 8M, a compañía Verdeverás Expresións Artísticas traerá a Vimianzo, o sábado 4, Crónica dunha heterosexualinsatisfeita. Esta obra ten como protagonista a unha muller común que, case por accidente, descobre que se está a facer vella e que, de non mudar certas cousas, morrerá conxelada.

O 11 de marzo Talía Teatro presentará a súa última produción: Unha inimiga do pobo. Unha montaxe de gran formato, baixo a dirección de Tito Asorey, sobre a corrupción do poder e a manipulación dos medios ao servizo do mesmo. Na fin de semana seguinte, Mofa e Befa aterrarán no auditorio municipal o 18 de marzo con Pirolíticos, a súa última montaxe. Co gallo do seu 30 aniversario, emprenden o que é, esencialmente, unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos.

E marzo péchase o día 25 con Sofá, unha proposta de danza e humor da compañía Marta Alonso Tejada. Trátase dunha aposta pola linguaxe de tacto, a beleza do particular e a capacidade do baile para elevar o cotián ao sublime.

Xa no mes de abril, a programación retómase o sábado 15 con Redrum Teatro e a premiada montaxe teatral O home con lentes de pasta. A obra conta a historia de Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella, e os seus amigos Laura e Fer, que a animan a que cumpra un dos desexos que deixara esquecidos: escribir.

O sábado 22 de abril será unha xornada máis musical cun concerto a cargo dos Coros Infantil e Novo da Sinfónica de Galicia.A programación chegará ao seu fin no mes de abril coa celebración do Día Internacional da Danza e a recoñecida agrupación de danza tradicional Fran Sieira.

O sábado 29 o público poderá gozar de DeMente, un espectáculo de baile e música tradicional galega que plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que, segundo a OMS, sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.

O peche de ouro para esta programación cultural de inverno será o domingo 7 de maio grazas á colaboración co Centro Dramático Galego, que achega ao auditorio de Vimianzo Un hotel de primeira sobre o río, unha produción propia da compañía institucional e a primeira montaxe profesional desta obra de Xohana Torres.

Un hotel de primeira sobre o río é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro demovemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convida a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.

Venta de entradas

Todos estes espectáculos comezarán ás 20:30 horas agás o do Centro Dramático Galego, que será ás 18:30 horas. O prezo de entrada é de 5 euros (2,50 € a reducida) e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados. Ademais, facilitarase un bono de 10 espectáculos a 40 euros que non inclúen nin o concerto da Sinfónica nin a Foliada do 11 de febreiro, xa que estes son de balde.

A venda anticipada será a través de www.woutick.es (gastos de xestión incluídos )ou na billeteira da casa da cultura de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Nesta última tamén será posible adquirir unha entrada o día de cada función desde unha hora antes do inicio de cada unha. Non se poderá entrar na sala unha vez comece o espectáculo.

Á presentación destas novas propostas de artes escénicas estivo presidida pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e participaron tamén a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a de Benestar Social, María José Pose; ademais da técnica de Cultura, Nieves Lema.

A rexedora agradeceu “o apoio recibido pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta, ademais do Centro Dramático Galego, xa que fixeron posible este completo abano de espectáculos culturais de recoñecidas compañías”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.